Carmen M. Vidal estrea no seu Baio natal o seu novo libro

“As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936”. Este é o novo libro que vén de publicar Carmen V. Valiña na Editorial Galaxia. A autora estrea o seu libro na súa vila natal, Baio, onde no marco do evento "Baio ten as letras”, venderá e asinará exemplares.
O libro foi rematado en 2024 no marco da Residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón
A obra rescata do esquecemento as voces silenciadas de mulleres internadas no hospital psiquiátrico de Conxo entre finais do século XIX e o comezo da Guerra Civil. Nun relato documentado e conmovedor, a autora achéganos á realidade de mulleres que sufriron o encerro non por enfermidade, senón por ser quen eran: aldeás, pobres, analfabetas, rebeldes. Unha dobre condena, social e institucional.
A través de historias como a de Amalia, que fumaba cigarros rubios no vapor Habana; ou María, escribindo á súa filla tras un Nadal no inferno; ou mesmo Elena, cunha mirada que aínda busca sentido máis alá das paredes do manicomio, o libro constrúe unha memoria colectiva necesaria.
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos (www.perifericas.es). Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 as mulleres internas no manicomio de Conxo son as protagonistas absolutas da súa obra.
Novas sobre Carme V. Valiña
-
- 2024: Carmen V. Valiña: “O tempo e as sinerxias con outros artistas, o mellor das Residencias Artísticas mariñáns”.
- 2019: Carmen V. Valiña volveu á súa casa, o IES de Baio, para compartir a historia da emigración feminina soneirá.
- 2019: "O xurdimento de partidos coma VOX amosa que sempre temos que estar á alerta para non retroceder nos nosos dereitos”.
- 2015: Unha baiesa une as súas tres paixóns nunha tenda online de regalos artesás con historia.