Vernes. 24.05.2019
El tiempo

'Para min a regueifa é tradición, cultura popular e comunidade'

'Para min a regueifa é tradición, cultura popular e comunidade'

Carmen María e Laura (arriba) e Mari e Yéssica (abaixo).   A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso acolleu esta semana a gravación dunha reportaxe da Televisión de Galicia acerca do futuro da regueifa en clave feminina. Un encontro que reuniu a algunha das participantes do obradoiro de regueifa impulsado por esta entidade e impartido desde hai un ano pola nosa regueifeira máis universal, Lupe Blanco. Algunhas destas regueifeiras, como Mari , Yésica, Carmen María e Laura xa comparten grupo de Whatsaap, no que falan de todo e en forma de verso. Falamos con Laura Mariño (Coristanco, 1984).

  • QPC: A que idade comeza o teu contacto coa regueifa?

O contacto de escoitala e ter noticia dela desde que era cativa. A regueifa forma parte da cultura de Coristanco, é algo coñecido por todos. Ademais, na escola tamén tivemos profesores como Xan Fernández Carrera que recollían a nosa realidade cultural. Logo, en canto á aprendizaxe foi no obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco no Couto, en Ponteceso, e no que participo desde hai un ano e pico.

  • QPC: A raíz deste obradoiro xorde un grupo de Whatsapp entre as participantes. Nel falades de todo e en forma de regueifa, tanto vía escrita coma por audio. Algo difícil de crer nun principio, non?

Si, sobre todo cando hai moi pouco anos que se daba a regueifa por morta. E de repente, non só non vai desaparecer, senón que tamén se adapta ás novas tecnoloxías. É algo marabilloso! O grupo naceu como unha forma de estar en contacto a xente que iamos ao obradoiro, por se había algún cambio de data, pero a partir de aí a comunicación pasou a ser toda en regueifa. Regueifamos practicamente de todo[ri]. Combinamos mensaxes de audio coas escritas, depende do que se nos dea mellor a cada unha. Hai quen ten máis facilidade de incorporarse á conversar a través da fala e outras que prefiren coplar en verso.

'Tamén nos metemos unhas coas outras'
  • QPC: As vosas son coplas cheas de retranca e rima. Que temas tratades principalmente e como se deixan ver esas segundas intencións?

Pois depende un pouco do día. Igual pola mañá cedo alguén se levanta con moitas ganas de regueifar e xa comeza cos bos días. Tratamos temas de política, cregos, os típicos temas que dan moitísima retranca... e sempre tiramos un pouco por onde vai a actualidade. Tamén nos metemos unhas coas outras. Por exemplo, dúas das máis activas, Jessica e Carmen María están sempre pelexando unha coa outra: ‘ti porque es vella’, ‘ti porque es nova e lle das á cervexa’...temas un pouco xeracionais.

  • QPC: Nomeabas antes a Carmen María,  túa nai, coa que formas parella de regueifa. Porque vos animastes a facelo xuntas?

Fun eu a que souben do obradoiro e animei a miña nai para que me acompañase. Ela estaba recen operada e tampouco podía facer moito traballo, e esta era unha maneira de pasar o tempo. A que ía un pouco máis convencida era eu pero, ao final, a que enganchou e regueifa bastante ben é ela! Ela xa escribía poesía, e ao participar no obradoiro volveu retomar a súa afección.

  • QPC: Algunha vez te sentiches discriminada polo feito de regueifar e ser muller?

No, iso é algo que está relativamente superado. Tamén é certo que notas certos machismos en xeral. Por exemplo, a última vez que as miñas compañeiras foron regueifar a un bar. Miña nai comentábame a posteriori que todo o público eran homes, polo que este tipo de situacións si se manteñen. Pero o certo é que vai evolucionando aos poucos. De feito, a maioría das participantes do obradoiro somos mulleres, as do grupo de Whatsaap somos mulleres... e digamos que as regueifeiras máis activas son mulleres, tamén.

  • QPC: Que é para ti a regueifa?

Tradición, cultura popular... Unindo na improvisación algo tan galego e tan propio noso como è a retranca. Tamén é comunidade, porque axuda a facer unión con alegría e risos.

  • QPC: Algunha vez pasou pola cabeza deste grupo de regueifeiras a idea de deixar por escrito nun libro todas estas coplas?

Pois a verdade é que por agora non. Igual se o facemos temos que pasar a censura, porque temos de todo! [ri]. Non sería mala idea, pero non o pensamos de momento.

  • QPC: Hai quen di que o futuro da regueifa  está no seu uso por parte dos máis cativos. É asÍ?

Si. As xeracións máis novas non teñen o contacto coa regueifa que nós tivemos cando eramos cativas. Neste sentido, é de destacar, por exemplo, a ensinanza que están facendo desde a Asociación Oral de Vigo que afortunadamente foron os culpables deste auxe que está tendo a regueifa agora. Estanse facendo obradoiros moi interesantes nas escolas, da que saen regueifeiros moi curiosos.

'O altofalante que poden dar a nivel local os concellos pola regueifa pode ser moi interesante'
  • QPC: Certas organizacións como a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, ou mesmo a Asociación Oral de Vigo que nomeabas, levan a cabo diferentes accións para a recuperación desta disputa dialéctica en verso. Cres que fai falta máis compromiso por parte das institucións?

Home si, por suposto. O altofalante que poden dar a nivel local os concellos pode ser moi interesante. Tal e como se prestan axudas a outras iniciativas, paréceme importante que se tire por recuperar algo que é moi noso, non? Hai moitas actividades de pandeireta e de gaita, porque non intentalo tamén coa regueifa? Ademais é algo que está vivo, sobre todo nas vilas onde naceron moitos dos regueifeiros máis importantes e onde a maioría da xente sabe coplar.   https://quepasanacosta.gal/o-whatsapp-o-auditorio-virtual-da-nova-fornada-de-regueifeiras-de-bergantinos/

Comentarios