De Centros de Día a Casas do Maior: a externalización da dependencia
Continuamos a nosa serie que pretende poñer de manifesto a deixadez da Xunta en numerosas ocasións, deixando a súas responsabilidade nas mans dos Concellos. Temos falado do mantemento dos centros escolares ou sanitarios ou de servizos tan básicos como o SAF, o coidado da alfabetización dixital da veciñanza, ou mesmo os comedores escolares, que dependen do voluntariado das familias que forman as ANPAS.
Hoxe falamos de dependencia, unha responsabilidade principal da Xunta de Galicia, que cada vez é menos pública. Falamos da privatización sistemática das residencias de maiores ou dos Centros de Día, ou a conversión destes Centros nas coñecidas como Casas do Maior, a gran aposta destas dúas últimas lexislaturas en materia de dependencia.
Residencias e centros de Día públicas na Costa da Morte?
A Costa da Morte conta unicamente con dúas residencias privadas con concerto de prazas: a DomusVi de Vimianzo (150 prazas máis 60 do centro de día) e a DomusVi de Carballo (150 prazas). Dúas residencias cuios servizos foron externalizadas a esta empresa.
Si que conta con dous centros de día (onde só pasan as horas diúrnas e van durmir as súas casas, sendo un servizo fundamental para a conciliación), públicos:
- Centro de Día en Cabana de Bergantiños: 34 prazas.
- Centro de Día de Muros: 25 prazas.
Falamos de arredor de 400 prazas en centros públicos ou semipúblicos, nunha comarca tremendamente envellecida, que conta 43.695 poersoas maiores de 65 anos segundo os datos do IGE de 2025…
Santa Comba e Corcubión, avocados ao “autocoidado” pola inacción da Xunta
A pesar desta tremenda escaseza, concellos e as súas veciñanzas, como Corcubión e Santa Comba levan solicitando un Centro de Día dende hai décadas. A inacción da Xunta é absoluta, chegando a ser insultante nalgúns casos.
O caso de Corcubión é sangrante. A veciñanza leva mobilizándose durante décadas. O Concello adecuou, coa axuda da Deputación, un edificio histórico para acoller un centro de día de 25 prazas. Pero a Xunta rexeitou asumir a súa posta en funcionamento durante máis dunha década, obrigando ao Concello a lanzar un Centro de xestión municipal (baseada nunha concesión cunha entdiade sen ánimo de lucro) con apenas unhas axudas para o material.
Máis ou menos pasou o mesmo en Santa Comba, onde o Concello veuse obrigado a sacar neste 2026 o seu proxecto de xestión municipal a través de concesión privada. Un Centro do que estamos pendentes da súa posta en marcha.
Casas do Maior, a externalización
Pero o cumio do proceso externalizador da dependencia son as Casas do Maior. E iso que nos parece un formato que se adapta moi ben ás necesidades da Galicia rural. Pequenas casas cunha persoa ao cargo de 5 maiores (puidendo duplicarse) ofrece unha boa alternativa aos coidados diarios a moitas familias de pequenos lugares do noso rural. O caso é como fomentas a súa proliferación.
Na comarca temos a sorte de contar cun proxecto marabilloso, a Rede de Cooperativas Colaxe, que convirte un proceso de externalización nunha fermosa iniciativa de emprendemento feminino no rural. Pero non todo o país ten a sorte de contar con este exercicio de empoderamento feminino, que en calquera caso deixa a responsabilidade da dependencia na mochila de ducias de mulleres autónomas.
Son moitas as empresas e mulleres autónomas que teñen que asumir o esforzo de presentar os seus proxectos, e levar a carga e a responsabilidade que debería asumir unha administración.
Non podemos esquecer que na meirande parte dos casos, a Xunta utiliza edificios de titularidade municipal (ou mesmo veciñal) para albergar estes servizos. Un caso de aproveitamento de espazos pero que volve poñer o peso da dependencia nas manos municipais.




