Pleno total no Ateneo de Madrid para acoller a Eduardo Pondal e Pascual Veiga
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Ponteceso Cultura Permanente achegaron ao Ateneo de Madrid a dúas das figuras con máis simbolismo de Galicia: Eduardo Pondal e Pascual Veiga. Galegos residentes ou non en Madrid e madrileños confluímos nun espazo de grande traxectoria cultural onde, ademais, estivo Pondal no ano 1910 cando o nomearon socio de honor da Academia Literaria dos poetas. No acto do nomeamento estaban presentes Antonio Machado, Manuel Machado, Valle Inclán e moitos outros coñecidos escritores. Ademais, na biblioteca do Ateneo consérvase un exemplar da primeira edición de Queixumes do Pinos do ano 1887.
Ese nó co que Pondal atou Galicia con Madrid apertámolo un pouco máis o pasado día 7 de maio porque ese día o bardo volveu ao Ateneo. A sala “Estafeta” dese centro quedou pequena para acoller a quen se achegou a coñecer a nosa lingua, a nosa historia, a nosa literatura e a nosa música nunha xornada na que dun xeito dinámico conviviron a poesía, a música e o coñecemento. Poesía pondaliana recitada por Miguel Losada, Pepa Nieto, Cristina Aparicio, Juana Vázquez, Luis Ramón García del Pomar, Francisco Brives, Manuel Pereira Valcárcel, José Cereiijo e Manuel Regueiro.
Conversaron sobre os autores do himno Javier Campos Calvo-Sotelo coa conferencia “La influencia de Macpherson en Os pinos” e José María Paz Gago que falou sobre a amizade de Emilia Pardo Bazán e Eduardo Pondal co título “Emilia Pardo Bazán y Eduardo Pondal. Una larga y leal amistad literaria”.
Antón Añón e Silvia Losada fixeron soar a poesía; el coa guitarra e ela coa súa voz cando-poderosa. Un torque de ouro que interpretou tres poemas, sendo o último, como non podía ser doutro modo, o himno.