Mércores. 23.10.2019
El tiempo

Pola mellora da sinalización da Costa da Morte

Pola mellora da sinalización da Costa da Morte
sinal Costa da Morte

Unha das grandes lacras da nosa bisbarra é a sinalización. Pero non só dentro da propia bisbarra, onde atopar un monumento cultural ou natural supón toda unha odisea. Un dos meirandes problemas é a sinalización dende as cidades galegas. Sobre todo as saídas de Santiago de Compostela e da Coruña debería contar cun cartel enorme que indicase COSTA DA MORTE, e ben grande.

Un sae dende Santiago, e ten que adiviñar que para achegarse á Costa hai que tirar cara Negreira. Dende Coruña, o mesmo, collemos por inercia a estrada de Carballo, pero non hai sinalización de Fisterra (que é o punto final da estrada e debería estar sinalizado) nin, moito menos, Costa da Morte. E quen non coñeza o país, a indicación Carballo non supón nada distinto de Cambre.

Topónimo "Costa da Morte"

A Asociación supramunicipal Neria vai solicitar ás administracións galegas a incorporación do topónimo "Costa da Morte" nas principais estradas de saída das cidades galegas. A proposta da Neria incluiría sinais nas saídas das cidades para que logo, cando "cheguen a Baio (Zas) ou a Baíñas (Vimianzo) e desde aí xa se sinalizaría independentemente cada municipio".

Esta medida serviría para promocionar as feiras internacionais que se realizan na nosa bisbarra, como a XIX Mostra do Encaixe de Camariñas.

Tren

Pero non paran aí as peticións da Neria, que lembra a promesa de Alberto Núñez Feijoó de recuperar o proxecto das 3C. TRátase dun proxecto centenario que uniría por medio do ferroacarril as vilas de A Coruña, Carballo e Corcubión, promovido fai máis de 100 anos polo corcubionés Pepe Miñóns.

Moitas carencias a un ano do Xacobeo

Son moitas as carencias en materia de sinalización na Costa da Morte. Falan os peregrinos, e contan que o único tramo no que se perderon foi na nosa bisbarra. Unha lacra que vai máis alá de carencias básicas, como un carril para o peregrino peatón e ciclista, na estrada que sobe ata o faro Fisterra.

Como esta son moitas as insuficientes infraestruturas para acoller aos turistas, sen lembrarnos que temos no Cabo Fisterra o segundo punto máis visitado de toda Galicia. Pero todas estas cousas semellan que, a menos dun ano para Xacobeo, non son importantes.

Fonte

Comentarios