Praias cheas, como en agosto, na primeira fin de semana de xullo
Vai ser un verán pelexado polos operativos de Protección Civil e Policía Local arredor dos nosos areais. Así o comprobamos trala primeira fin de semana do mes de xullo, onde moitos dos areais estiveron tan cheos como os pasados anos en pleno mes de agosto. Se ben non hai ningún concello que estea tomando medidas concretas para o control de aforo, si que houbo algún circunstancia ante a avalancha de visitantes, pois a pleamar coincidiu en hora punta, a primeira hora da tarde.
Unha situación que recolle a dicotomía que levamos vivindo este comezo de verán, coa esperanza de que o turismo nacional faga reflotar a economía do sector hostaleiro, pero co medo de novos posibles rebrotes como o vivido na Mariña.
Falamos con responsables dos Concellos de Dumbría, Carnota, Muros ou Malpica para ver como foi a cousa.
Carnota, peche da Boca do Río
Así estaba o aparcamento de Boca do Río ás 11:30h da mañá
Nótase que a veciñanza da zona de Santa Comba, Negreira, Santiago… ten gañas das nosas praias costeiras. A praia da Boca do Río viviu o típico episodio de agosto, con cheos absolutos da zona de aparcamento (unha finca alugada polo Concello), que obrigou ao dispositivo de cada fin de semana formado por Protección Civil e Policía Local a cortar o acceso á praia e invitar aos visitantes a ir a outras zonas da praia como Pedrafigueira ou Caldebarcos.
Non é que as praias que a praia estivese demasiado cheas, se non que o aparcamento estaba completo (o sábado dende as 17:00h e o domingo dende as 11:30h) e houbo que pechar para evitar atascos.
En todo caso, si que dende megafonía tiveron que “dar o toque”, e informar á veciñanza de que hai que separarse.
“Notamos que este verán vén forte, que parece que hai un efecto chamada por varias publicacións feitas arredor desta praia, e está vindo máis xente que nunca a estas alturas do ano”, sinala a Policía Local. Así se ratifican as cifras do alugueiro de vivendas turísticas, máis acentuado que nunca.
Ata as pequenas calas, cheas en Muros
En Muros as praias estaba cheíñas, “a pleno rendemento”, explican dende o Concello. E non só os grandes e coñecidos areais, como Area Maior, se non tamén pequenas calas, pois parece que a xente estase repartindo entre as praias que eran menos habituais.
En todo caso, dende o Concello non tiveron constancia de incidencias.
A praia do Ézaro
Outra das máis “utilizadas” do verán é a praia do Ézaro. Esta fin de semana tamén houbo moita xente, tanto na fervenza como na praia. Polo de agora, na praia non instalaron o sistema de mangueiras de cores para facer un círculo de seguridade, pero si reforzaron o servizo de limpeza e desinfeccion, dos aseos públicos, duchas e mobiliario… Ademais seguen “apelando a responsabilidade e o famoso sentidiño da xente”.
O Concello si toma medidas de control de aforo na pasarela da cascada do Ézaro, onde ademais hai que pasar con mascarilla.
En Malpica
En Malpica “de momento” tampouco están tomando medidas concretas de control de aforo, e se ben houbo bastante xente sobre todo na praia de Malpica, polo de pronto “non hai comportamentos incívicos dignos de destacar”. “De todas formas, intentaremos estar atentos... e como non tamén nestes casos esperemos contar coa sorte do noso lado…”, explican dende o concello.