Luns. 29.04.2024
El tiempo

A rapazada de 8 concellos da comarca volverán a defender o mar a través do Surfing

Aprende co surfing-Camarinas-Arou
A rapazada de 8 concellos da comarca volverán a defender o mar a través do Surfing

Volve apostar a Deputación da Coruña polo financiamento do programa medioambiental “Defende o mar a través do surfing”, unha iniciativa para que rapazada aprenda a coidar o mar, disfrute da natureza, aprenda a facer surf, e coñeza mellor un medio no que vive, o mar.

A entidade sen ánimo de lucro Surf and Clean recibe 20.000 euros para desenvolver o programa nos municipios de A Laracha, Carballo, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Zas, Camariñas, Mugardos, Miño, Valdoviño e Ferrol. Serán 1.400 alumn@s os que disfruten o programa.

O responsable do proxecto, David Blanco, destaca a importancia de concienciar aos escolares de manter o noso patrimonio natural. “Esta iniciativa tenta chegar aos concellos rurais con menos habitantes, municipios con menos oportunidades, coa intención de transmitir a importancia de conservar o noso medio mariño, que é parte fundamental da nosa cultura”.

Outra das novidades deste ano será unha ferramenta educativa e promocional do proxecto denominada “O encontro”. Nesta ocasión narrará a lenda dunha orca que pide auxilio a unha embarcación pesqueira. “Unha situación que recentemente se deu nas nosas costas polo que aínda que se trata dun conto sabemos que existen este tipo de casos constatados polos biólogos mariños do CEMMA”, apunta David Blanco. A intención desta ferramenta e concienciar aos escolares, concellos e colexios da importancia de conservar o medio e as especies que o habitan.

Para levar a cabo estas iniciativas o programa conta co apoio de MSC Pesca Sostible, a Confradía de Malpica de Bergantiños, a Federación Española de Surf, o CEMMA ou a UDC.

Tamén está previsto un obradoiro sobre o impacto que teñen os protectores solares sobre o ecosistema mariño e a participación en diferentes encontros solidarios para fomentar a sensibilidade e o coidado do medio mariño. Trátase de concienciar aos nenos e nenas da necesidade de protexerse dos raios de sol e , por outra banda, de que os protectores cumpran co medio ambiente.

O programa permite tecer unha comunidade entre os colexios, as escolas de surf, as administracións e as entidades medio ambientais.

Comentarios