A Costa da Morte xa ten o seu propio videoxogo
Costa da Morte Runner convírtese no primeiro videoxogo creado para a nosa comarca. Unha iniciativa impulsada pola Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) e desenvolvida por Martín Caamaño, socio da entidade, veciño de Vimianzo, informático de profesión e creador da marca Costa da Morte Death Coast.
Martín quixo poñer o seu talento e coñecemento ao servizo do territorio mediante un traballo totalmente altruísta, creando unha ferramenta innovadora para promocionar e divulgar a Costa da Morte.
Tras un importante labor de documentación e asesoramento, o videoxogo percorre os 17 concellos da Costa da Morte e moitos dos seus lugares máis emblemáticos, permitindo ao xogador interactuar con lendas, patrimonio, ferramentas tradicionais, personaxes e historias vencelladas á nosa identidade.
O protagonista da aventura é Eustaquio, personaxe inspirado na imaxe da marca Costa da Morte Death Coast, quen deberá superar múltiples obstáculos e desafíos para conseguir rescatar á princesa Mía.
A estética do videoxogo está inspirada nos clásicos arcade, cun marcado estilo retro e pixel art que rende homenaxe aos videoxogos das décadas pasadas.
A filosofía do proxecto é sinxela: demostrar que a Costa da Morte tamén pode descubrirse xogando. Trátase dunha ferramenta pensada tanto para visitantes como para a veciñanza, especialmente para achegar ás novas xeracións ao coñecemento do territorio dun xeito entretido e innovador.
O xogo é totalmente gratuíto e pode utilizarse en móbiles, tabletas e ordenadores. Está dispoñible a través da páxina web do xeodestino Costa da Morte.
A presentación oficial terá lugar o vindeiro 30 de xuño ás 10:00 horas no Fórum de Carballo.