Venres. 29.03.2024
El tiempo

Sete consellos para evitar caer na desinformación

detecta as novas falsas
Ante a proliferacións de contas creadas para espallar novas falsas a través de twitter, en QPC elaboramos unha pequena infografía para intentar evitar caer nelas.
Sete consellos para evitar caer na desinformación

Internet e as redes sociais son os nosos grandes aliados agora mesmo mentres nos encontramos confinados debido ao Estado de Alarma, mais, tal e como poden ser unha gran ferramenta de entretemento e información, contan cun dobre fío e poden chegar a converterse en todo o contrario.

Navegamos en Twitter e ao entrar nalgún Trending Topic descubrimos tweets de miles de usuarios mencionando noticias, cando entramos en Facebook os nosos amigos comparten novas nos seus muros; por non falar de cando nos grupos de whatsapp sempre hai alguén que se pasa o día compartindo noticias para estar ao tanto da actualidade. Pero, a pregunta é: ¿debemos fiarnos de todo o que vemos na rede? A resposta é non.

José Gacía Molina, subdirector xeral de Loxística e Innovación da Policía Nacional, avisou nunha das roldas de prensa que foron creadas millóns de contas nas redes sociais relacionadas co coronavirus para manipular ou crear contido spam. Twitter, pola súa parte, xa leva detectadas máis de 1,5 millóns de contas sospeitosas de manipular ou difundir spam en conversas a nivel global relacionadas co Covid-19.

É por isto que en QPC elaboramos unha pequena infografía con 7 recomendacións para intentar evitar caer na desinformación:

infografia bulosDeseño da infografía - Paula Castiñeira

1. Ante a mínima dúbida de que estamos ante unha nova falsa (ou incluso sen ter dúbida), o primeiro no que nos debemos fixar é en que medio se publicou dita información. Non tería a mesma validez unha información publicada por xornais oficiais, nas que a información é fiable e está contrastada, que páxinas web descoñecidas. Ademais, tamén é moi importante mirar quen compartiu a nova, sobre todo no caso de Twitter. Entrar no seu perfil, mirar que tipo de contido comparte, con que tipo de contas interactúa... Así poderemos ver se se trata dun usuario real ou dun bot.

2. Se se trata dun sitio web descoñecido, cómpre mirar quen firma a nova. En moitos casos, se aparece o nome, é moi probable que se poida acceder a outros artigos desa persoa ou mesmo buscala en redes sociais para comprobar que realmente existe. Por outro lado, tamén é importante fixarse na data de publicación, pois moitas veces as desinformacións son causadas debido a contas que comparten intencionadamente unha información que foi certa no pasado pero xa hai moito tempo diso e a día de hoxe non estaría ocorrendo iso realmente.

3. No caso de que non estea firmada a nova, cómpre ler o texto e ver en que fontes basean as súas afirmacións para saber se se trata de fontes fiables ou non. Isto tamén permite revisar e contrastar se realmente esas fontes dixeron iso cunha simple busca en internet.

4. Á hora de ler a nova, hai que fixarse na forma na que está escrita a noticia e se ten unha linguaxe coidada pois, en caso contrario, é probable que se trate dunha nova falsa.

5. Pode suceder que existan novas ou reportaxes que só saian nun medio debido a que son moi locais e os grandes medios xeralistas non as saquen, como pode suceder algunha vez con QPC. Mais, no caso do coronavirus, é moi probable que a gran maioría das novas as publiquen outros medios tamén. Cando encontres unha nova que te faga saltar as alarmas, comproba se foi publicada tamén noutros medios de referencia e se a información é a mesma.

6. Se aínda con todas as comprobacións anteriores segues a ter dúbidas, internet conta con varias plataformas que desminten moitos dos bulos que circulan pola rede como Newtral, Maldita.es, Efe verifica... Sempre podes comprobar se a información que atopaches aparece desmentida nalgúns destes verificadores ou incluso podes enviarlla para que a verifiquen a través dos seus perfís oficiais en whatsapp, telegram ou twitter.

7. Nunca te quedes co titular. Moitos utilizan os titulares para difundir o que lles interesa xa que moita xente quédase só con iso. Sempre é importante ler as novas ata o final para poder analizar ben se a información é verdadeira ou falsa e se concorda co que di o titular.

Comentarios