Senda Nova non celebra, reivindica o Día do Medio Ambiente

Crú comunicado o que fai hoxe a Asociación Ambiental Senda Nova coincidindo co Día dos Océanos e coa Semana do Medio Ambiente. Porque a entidade entende que esta data non está para "celebracións", senón para "reinvidicacións". A entidade realizará unha acción conxunta este domingo 8 na feira de Carballo, que tanto representa para o agro bergantiñá, pero coa dura crítica sobre a "a falta de contido dun día tan especial en tantas e tantas celebracións espalladas pola nosa contorna".
"O medioambiente non debe de ser unha palabra falta de contido nin unha marca turística. O medioambiente está falto de reivindicacións e farto de celebracións festivas, amosando en moitas ocasións desfeitas no propio medio que din reivindicar. Desfeitas na biodiversidade, no patrimonio e na paisaxe a través de proxectos subvencionados en moitas ocasións a través de lineas medioambientais", sinalan.
Lanza tamén unha píldora para "as nomeadas “enerxías verdes” envoltas en macroproxectos eólicos que volven presa a nosa paisaxe, que dinamitan mananciais de auga das aldeas e enchen de ruído e chatarra os nosos montes. O medioambiente necesita días de loita e revindicación, de unión veciñal a prol da terra e da auga dos mananciais".
Así a entidade fai "un chamamento á veciñanza de que tome conciencia do que realmente é o medioambiente, que nada ten que ver cun xardín urbano senón coa biodiversidade nuns humidais cada ven en peor estado, un bosque autóctono sen protección na nosa contorna e unhas áreas fluviais que están sendo destino de pasarelas turísticas e camiños de entullo e zahorra. O medio ambiente tamén é a protección de patrimonio megalítico e castrexo. Dos cruceiros, das pontes e do resto de patrimonio relixioso, así como arquitectura civil, que periga con mortes lentas e cunha obra pública rural que non ten en conta a paisaxe das nosas aldeas, nin a historia plasmada nos muros de pedra. Mesmo no urbano, edificios únicos como o Casino de Carballo, piden a gritos seguir en pé".
A rapazada á Feira
E para lanzar esta mensaxe, este domingo estará a rapazada da Escola Ambiental vendendo os produtos que, con agarimo e dun xeito ecolóxico, cultivaron nas instalacións do Espazo da Natureza de Oza.