xoves. 02.07.2026
El tiempo

Álvaro Corral Cid inicia a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ no Pazo da Cultura de Carballo

ASOBALLADA_23 - Álvaro Corral Cid
Álvaro Corral Cid
Álvaro Corral Cid inicia a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ no Pazo da Cultura de Carballo

O artista e investigador Álvaro Corral Cid inicia este mércores,1 de xullo, en Carballo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura acolle, até o mércores 15 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2026, en torno á proposta do ourensán Álvaro Corral Cid, que ten por título Asoballada por fentos, un estudo simbiótico entre arquivo e performance, co acompañamento musical de Gabi Reboredo. O proxecto é un convite a ler con outros ollos os materiais da nosa memoria folclórica; un punto intermedio entre muiñeiras, bordados, noticiarios cinematográficos e ditadura.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o vindeiro outubro, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

 

SOBRE O PROXECTO

Asoballada por fentos aparece como póla dunha investigación en arte máis alá da academia. Unha estrofa de romance galeguista, acompañada de pandeireta e trompeta falanxista.

A partir da práctica artística e da investigación de Álvaro Corral Cid, este proxecto preséntase coma un estudo simbiótico entre arquivo e performance, unha práctica que nace xunto co acompañamento musical de Gabi Reboredo. Un procesual convite a ler con outros ollos os materiais da nosa memoria folclórica; un punto intermedio entre muiñeiras, bordados, noticiarios cinematográficos e ditadura.

Deste xeito, Asoballada por fentos parte dunha traxectoria que reflexiona arredor dos arquetipos rexionais franquistas e os espectros que proxectan sobre os nosos modos contemporáneos de reproducir culturas enxebres. Un lugar dende o que condensar un estendido proxecto que versa sobre a construción do arquetipo folclórico galaico durante o réxime de Franco, nun panorama global que explora o intrusismo das políticas autoritarias sobre as identidades en España e as súas expresións tradicionais.

Exposicións procesuais nas que ofrecer renovados modos de comprender e estudar a herdanza social dos materiais da nosa historia recente. Un esquema capaz de encarnar unha era na que a violencia impregnaba a artesanía, o baile xeraba política e a beleza coexistía con longas sombras da opresión.

SOBRE O ARTISTA

Álvaro Corral Cid (Ourense, 2000) é artista e investigador. Gradúase pola Universidade Complutense de Madrid en Belas Artes e obtén o Máster en Investigación en Arte e Creación pola mesma universidade. Os seus estudos e prácticas artísticas propoñen novos puntos desde os que repensar as nosas epistemoloxías canónicas; desde un tórculo, un manuscrito poeirento ou un chaleco. Xuntando imaxes, rebuscando entre arquivos e mirando os significados ata o fondo. 

En conxunto, o seu proceso artístico e investigador busca desentrañar como as prácticas tradicionais nacionais, especialmente partindo do caso de estudo galego, poden reactivarse como ferramentas críticas, poéticas e disidentes para xerar plusvalía simbólica e visual. Reflexionando desde a costura, o arquivo e a performance como metodoloxías de exploración histórico-artística, os seus estudos reflexionan arredor do indumento tradicional en España e a continuidade dos arquetipos nacionais.

Os seus principais traballos formaron parte de diversos centros de arte nacionais e condensáronse en escritos académicos como La hermana muerta de Pilar Primo de Rivera y algunos modos de coser pensando en el pasado (2025) ou D.R.A.G. (Dressing Resembling A Galician) (2023). 

 

Gabi Reboredo (O Carballiño, 1989) é intérprete e docente especializado en canto, percusión e baile tradicional. Natural da provincia de Ourense, traballa na divulgación da cultura popular e na súa interpretación desde unha óptica contemporánea. Pertenceu a bandas como De Cor de Lousa e Paraíso Canto e colaborou con artistas como Sheila Patricia, Najla Shami ou Crúas. 

Actualmente, exerce o seu labor como docente en diversas asociacións culturais ao longo do territorio galego (Algaravía, Solfa ou Rechouchíos) e forma parte de novos proxectos musicais como poden ser aTorna ou Lideira.

Comentarios