Venres. 23.02.2024
El tiempo

Sobre a ética e a estética da restauración da Igrexa de Fisterra

Sobre a ética e a estética da restauración da Igrexa de Fisterra
Os teitos da Igrexa de Santa Maria das Areas xa con humidades-Foto-Dario Gomez A reforma do interior da Igrexa de Santa María das Areas, no punto de mira-Foto-Darío Gómez

A polémica ao redor da intervención da Igrexa de Santa María das Areas de Fisterra está sendo motivo dun acalorado debate de acentuada paixón e sentimento de indignación popular. Trátase dun debate non exclusivo da idiosincrasia fisterrá e que, polo xeral, está moi estendido e reprodúcese en tantos outros lugares con restauracións polémicas. Sempre haberá voces detractoras e as correspondentes defensoras. Fisterra non é excepción.

Pero o curioso é comprobar como no ámbito da opinión popular reprodúcense os mesmos axiomas de discusión abordados no ámbito académico, referidos á como evolucionou e como se trata na actualidade a visión conceptual do que debe ser a restauración do patrimonio arquitectónico. Van dous séculos de elaboradas teorías das diferentes escolas que marcaron tendencia, correntes de arquitectura de París, Londres ou Roma. A estética como resultado da restauración vén sendo unha loita constante neste ámbito. Dende a teoría da preponderancia do criterio “estilicista” elaborada polo pioneiro na materia, Viollet de Luc  (1814-1879), defensor da teoría de restaurar en estilo, o refacer como foi o monumento, despoxando os edificios doutros estilos engadidos para, así, recuperar a súa forma ideal coa que sería concibida en orixe o monumento, é dicir, rematar a obra inacabada. Ata a defensa do que serán os detractores de De Luc, que virían a acusalo de producir obras non auténticas e, por tanto, crear os chamados falsos históricos. Á fronte desta vía estaría Ruskin (1819-1900), totalmente oposto, e que representa a conciencia romántica, moralista e literaria defendendo a autenticidade histórica. Levado por un extremismo no que consideraría que os edificios nacen, viven e morren, e que restaurar un monumento é destruílo, é crear unha falsa copia e imitación, admitindo como única operación a da conservación para evitar a ruína. A terceira vía é a postulada por Boito (1836-1914), considerado coma pai da “restauración científica ou do restauro moderno”, xunto Giovannoni (1873-1947), que serviron de punto de partida dos novos conceptos sobre a restauración e no que os seus preceptos se irían convertendo no “evanxeo da restauración”. Proporían, entre outros, un estrito criterio de conservación soportado por un rigoroso proceso de documentación, propoñendo a obediencia á deriva histórica do monumento, intervindo só para a súa consolidación e reparación pero non para refacelo. É dicir, a mínima intervención para conservar.

Pero a historia destas escolas e do seu éxito virá rodeado por un capítulo moito máis escuro, que destapa as miserias do home e da represión da cultura, xa que a predominancia das distintas correntes virá marcada pola forma de réxime político que se viva despois da Primeira e Segunda Guerra Mundial. En España, co xurdido despois da Guerra Civil, o triunfo do nacionalcatolicismo, seña ideolóxica do franquismo, que interferiu e someteu todo proceso restaurador de monumentos e igrexas a uns férreos criterios da máis ultraconservadora tendencia da xerarquía eclesiástica, e no que as correntes xeradoras da vangarda e a cultura foron perseguidos e tratados coma criminais.Tratábase de identificar o réxime con potentes símbolos.Incluso coa destrución, en monumentos restaurados, de obras de corrente vangardista florecidos durante a II República, asentados no espertar dunha creatividade artística, contemporánea a outras manifestacións culturais igualmente perseguidas (Castelao, Lorca, Machado...). Foron décadas de silencio e sometemento cultural, nos que as sucesivas xeracións aprenderon que a infamia estigmatizou ao libre pensamento. Eis aquí, neste contexto, onde a ética tamén se colou na evolución do pensamento da teoría da restauración.

Todo isto vén a conto para introducir un elemento de reflexión e do respecto. Este debate conceptual do que deben ser as intervencións nas restauracións do patrimonio arquitectónico está na actualidade moi aberto. No fondo isto tamén supuxo unha conquista dos valores sociais. Por iso, os diferentes organismos que participan nestes procesos, departamentos de cultura e patrimonio, actúan con maior ou menor rango de flexibilidade e tolerancia cara as distintas correntes conceptuais do que se entende por restauración.  Xa que na sociedade actual existen distintas sensibilidades e non se impón un criterio sobre os demais.Nese ámbito, no da Administración, é precisamente onde se debe poñer o foco de atención e crítica á hora de aceptar ou establecer ditos criterios (e dos seus límites e novas fórmulas a explorar). Atendendo tamén a sensibilidade colectiva dun pobo que bebe da tradición e das súas inercias históricas. Non estaría de máis, previo a calquera intervención, abrir á participación cidadán á consulta do que se pode agardar ou desexar, xunto cun exquisito e coidadoso reparo na explicación do que se pretenda facer, ou de como facelo..

Do mesmo modo que resultaría impropio a facilidade da descalificación empregada á hora de cuestionar ao director da restauración, onde numerosas voces rásganse as vestiduras, cheos dunha suposta vergoña allea, tratando abertamente a un “premio nacional da arquitectura,  e cun currículo que o sitúa na vangarda arquitectónica internacional, coma de ignorante, analfabeto,non grato nesta vila, que merecería unhas labazadas,  e co triste epíteto pexorativo de “pitufo”. O resultado pode ser plenamente insatisfactorio, ou non, e todo o mundo é libre de achegar a súa percepción sobre o que ve e sente, pero debe de entender que existen límites conceptuais de compresión para toda persoa,non de opinión, que entran no dominio precisamente da formación forxada no estudo e asimilación do coñecemento transmitido en dous séculos de deliberación de “sabios” na ciencia e teoría da restauración.Non creo que este experto sexa analfabeto nisto.

A desmesura da crítica atenta tamén contra outra silenciosa parte de veciños e veciñas de Fisterra que, aos que non desgustándolle o resultado, xa que pra gustos pintan cores, manteñen un silencio que non debería ser tal, aplacados pola contundencia de tan airada reacción duns cantos que foron capaces de proxectar unha idea de rexeitamento que semella unánime  e que poida que non sexa tanto.

Señores e señoras opinen todos libremente, se lles gusta ou non, asumindo todos a necesaria humildade da opinión, por ser neófitos nas claves conceptuais que rexen na materia,no que o lóxico sería unha prudente opinión, e aproveitemos a excelente oportunidade que se nos brinda para poder escoitar e preguntarlle ao autor da restauración, o venres 16 (como parece que vai ser), os motivos polos que o levaron a plasmar tal resultado. Defendan a súa opinión Pregúntenlle se identifica máis o seu resultado coas teses de Viollet ou coas de Boito e Giovannoni. Pero a educación e a racionalidade debe estar presente, e sobre todo o respecto. Aínda que só sexa pola honra das xeracións que tiveron que calar durante toda a posguerra.Por iso será difícil escoitar a opinión dos nosos maiores. Insisto, a licenza e criterio do autor móvese nunhas liñas aceptadas no mundo da restauración do patrimonio arquitectónico que non é froito dun delirio, e de ser unha barbaridade, como algúns definen, non tería encaixe dentro dos criterios permitidos polas autoridades de patrimonio. Polo que a min respecta, sobre o resultado, maniféstome do lado da escola de Viollet de Luc.

  • Martiño Nercellas Méndez, veciño de Fisterra.

Artigos de Martiño Nercellas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios