Martes. 05.11.2024
El tiempo

A solidariedade coa defensa da serra do Iribio ante a ameaza dos eólicos tamén chega á Costa da Morte

Salvemos o Iribio en Fisterra
A plataforma Salvemos o Iribio estivo en Fisterra
A solidariedade coa defensa da serra do Iribio ante a ameaza dos eólicos tamén chega á Costa da Morte

A problemática cos proxectos eólicos é algo do que na Costa da Morte estamos moi enteirados. Unha comarca asolagada polos viraventos, que vive unha relación de amor e odio ante esta enerxía, teoricamente limpa. 

Algo semellante están sufrindo os veciños da Serra do Iribio, entre os Ancares e o Courel. Entidades ecoloxistas, culturais, veciñais e políticas, e persoas a nivel particular, constituíron a plataforma “Salvemos O Iribio”, coa finalidade de defender a Serra do Iribio das obras dun Parque Eólico e das instalacións electromecánicas asociadas, como é a Liña de Alta Tensión "Serra do Oribio". Unha mítica montaña que forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, da Rede Natura 2000, e sitúase dentro do Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago Francés, ademais de estar inserida na proposta de declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel e é zona potencial de campeo do Oso Pardo, especie de interese comunitario prioritario e En Perigo de Extinción.

Un xeito de espallar a súa loita foi achegarse ata o Fisterra. Dado que a destrución desta serra supón un dano irreparable nunha área atravesada polo camiño de Santiago, na súa ruta francesa, acudimos a Fisterra para deixar información entre as persoas que rematan alí a súa peregrinaxe e os albergues e locais de hostalería fisterrás. "Entendemos que a lóxica do camiño debería ser algo máis que puro turismo e levar asociada unha maior conciencia da defensa dos valores naturais, patrimoniais e comunitarios da súa contorna. Pensamos que o deterioro dos lugares polos que discorren os camiños pode ter repercusións no seu atractivo para as persoas que o fan e polo tanto traducirse en futuras consecuencias negativas tamén para os sectores económicos asociados", explican dende a Plataforma.

Denuncian á Xunta por "pretender fomentar o fenómeno xacobeo, pero sen unha xestión adecuada e sobre todo sen coidar o seu elemento fundamental, que é o propio camiño e os lugares polos que discorre".

Por último, deixamos aquí resumidas as 10 razóns que dende a plataforma se sinalan como fundamentais para rexeitar este parque. Dende a plataforma queren animar á xente a que as difunda polas redes sociais, que faga súa e expanda esta causa. Tamén na Costa da Morte podemos expresar a nosa solidariedade, do mar á montaña.

10 razóns para rexeitar o proxecto eólico na Serra do Iribio 

  • 1. Os novos parques eólicos están prohibidos en Rede Natura.
  • 2. A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto é fraudulenta e obsoleta.
  • 3. Póñense en risco especies en Perigo de Extinción, como o Oso Pardo ou a Aguia Real e outras especies en acusado declive.
  • 4. Non se avaliaron os impactos acumulativos e sinérxicos do proxecto eólico no seu conxunto.
  • 5. O cambio de trazado dos accesos ao parque carece de autorización e foi ocultado do trámite de modificación do proxecto sectorial
  • 6. Un inasumible impacto paisaxístico e sobre o BIC do Camiño Francés.
  • 7. A destrución dun Camiño Real e do patrimonio arqueolóxico.
  • 8. A declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio e do Courel é incompatible co novo parque eólico.
  • 9. A empresa comezou as obras do parque eólico sen a autorización da Xunta e sen a licenza municipal.
  • 10. Opacidade na tramitación da modificación do proxecto e atrancos no acceso á información pública.

 

Novas relacionadas

Comentarios