Domingo. 18.08.2019
El tiempo

Unindo fervenzas para loitar contra o megaparque eólico

Imaxe da lectura do manifesto contra os Eólicos na Fervenza de Castriz
Imaxe da lectura do manifesto contra os Eólicos na Fervenza de Castriz
Unindo fervenzas para loitar contra o megaparque eólico

Repetiuse a foto do ano pasado, pero este domingo 4 de agosto non houbo que desafiar, ademais de aos eólicos, á chuvia. A Plataforma Non Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural organizaba un roteiro reivindicativo en defensa do rural e contra o “megaparque” eólico proxectado nos concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba

Un cento de persoas animáronse a unir as fervenas de Entrecruces (Carballo) e Castriz (Santa Comba) a pé, para demostrar o fermoso patrimonio natural que será debastado por esta enerxía “limpa”.

A ruta parrtiu de Vilela, e pasou por varios núcleos de poboación afectados polos novos parques eólicos, como son A Abelenda e Mira (Coristanco), comprobando ademais o impacto evidente doutros parques eólicos xa existentes, como é o do Monte Castelo, situado xusto detrás das vivendas do núcleo coristanqués da Abelenda.

No punto de chegada, procedeuse á lectura dun manifesto, no que se sinalaron as graves consecuencias que tería a instalación destes “tres parques eólicos, ou mellor sería dicir, un megaparque” dividido en tres para acollerse á autoestrada da depredación posta en marcha pola Xunta de Galicia en forma de Lei”. Unha infraestrutura que afectaría gravemente ao modo de vida sostible propio desta zona rural, á súa economía agro gandeira e tamén poría en perigo a contorna da Lagoa de Alcaián, onde nace o o río Mira, que alimenta de auga ao río Xallas (que desemboca de xeito tan espectacular no Ézaro) e onde sobreviven varias especies protexidas e en perigo de extinción, tanto animais como vexetais, algunhas delas, como é o caso da Centauria Ultreia, únicas no mundo.

A lectura do manifesto deu paso a unha regueifa, moi crítica co tratamento político da situación, que ofreceron as Pataqueiras de Coristanco e a xornada continuou pola tarde cun xantar popular ao carón da fervenza.

Andaina contra os eolicos de Santa Comba Carballo e Coristanco

Nesta acción colaboraron varias entidades dos 3 municipios afectados polo “megaparque” eólico Bustelo-Campelo-Monte Toural, entre as que cabe destacar a Asociación Cultural e Veciñal A Fonte Salgueira, As regueifeiras Pataqueiras de Coristanco, A Asociación de Mulleres Rurais Airiños do Xallas e tamén o concello e Protección Civil de Santa Comba.

Novas relacionadas cos Eólicos

Comentarios