Stoupa poxa 35 pezas inéditas da colección #CorentenaCreativa
Non deixou, nin por pandemia, a Galería Stoupa de afianzarse como o gran punto de encontro para a arte e artesanía costeira. Ao principio da corentena provocada pola Covid-19, Stoupa propúxolle aos seus colaboradores máis emblemáticos que durante o seu confinamento creasen unha peza artística para participar nunha exposición colectiva que servise para lembrar, reflexionar ou opinar sobre os momentos excepcionais que todos estamos a vivir.
O resultado é a colección #CorentenaCreativa, unha mostra de 35 obras de arte únicas de autores da Costa da Morte das máis variadas disciplinas artísticas:
- Pintura: Yano Yoro, Fernando Rei, Marinna Mouzo, Xoanxo Cespón, Teresa Candal, Mighel FK, Catro Raposos, Xosé Iglesias, e Vikttória Szabó.
- Escultura : Viki Rivadulla, Guillermo Lourido, Nando Lestón, Anxo Cousillas, Luís Ares e María Lema
- Fotografía: Marcos Rodriguez, Lucía Costa, Santiago Garrido, Mar Cerviño, Jacobo Ortuño e Jorge Parri.
- Cerámica: Nacho Porto, Carmen Labrador, Nano Unzueta, Eloy Mancebo, Obradoiro Gorín, Aparicio Añón e Xaime Piñeiro.
- Ilustración: Mon Lendoiro.
- Reciclaxe Creativa: Ali Vava e Gypsea Creations.
- Xoiería: Isabel Andrade.
- Papiroflexia: Mimadriña.
- Madeira: Frank Buschmann.
- Moda: Jessica Coiradas.
A Poxa
As 35 pezas únicas forman parte dunha poxa pública que durará todo o verán e todos os interesados poden poxar por cada unha das obras presencialmente en Cee e por medios telemáticos na páxina web stoupa.gal ou nas súas redes sociais de Facebook, Instagram e Twitter. Cada unha das ofertas élle notificada inmediatamente ao autor da obra, que decide se adxudica a peza nese momento por ese prezo, ou se desexa que continúe a poxa.
Na actualidade xa están expostas na galería ceense 22 das 35 pezas da colección. As restantes 13 obras aínda están en fase de execución e irán chegando nos próximos días a Stoupa a medida que os seus autores as rematen. A poxa comezou a finais do mes de xuño cando chegaron as primeiras pezas á galeria e neste momento, das 22 obras que están en proceso de poxa, unha delas xa está adxudicada e outras oito pezas xa teñen unha primeira oferta.
Horario de apertutra
As 35 pezas da colección estarán fisicamente expostas ao público en Cee durante os tres meses de verán, de martes a sábado, polas mañás de 11h. a 14h. e polas tardes con cita previa chamando ao teléfono 661436483. A exposición será clausurada, se as circunstancias permíteno, cun evento festivo moi especial que reunirá á inmensa maioría dos artistas participantes, o sábado 25 de setembro de 2020. A partir desa data entregaranse as obras poxadas aos seus adxudicatarios coa correspondente documentación que certifica a autenticidade da peza e a súa data de creación.