Mércores. 22.05.2019
El tiempo

Touriño chega pola VAC e pon a primeira pedra da Autovía Costa da Morte

Touriño chega pola VAC e pon a primeira pedra da Autovía Costa da Morte
Tourino Primeira pedra autovia Costa da Morte-VAC Touriño poñendo a primeira pedra da VAC

Outra vez pola zona e de novo aos mesmos temas e as mesmas infraestruturas que se inauguran unha e outra vez. Touriño e Caride puxeron unha nova primeira pedra, se hai un mes era a da variante de Sardiñeiro, onte, luns 22 de decembro de 2008, tocaba a principal a do tramo Carballo-Berdoias. Haberá primeiras pedras con cada un dos 11 enlaces e 11 viaductos? (estes días faremos un repaso técnico polas obras completas).

O acto tivo lugar en Carballo, no que Caride e Touriño pasaban antes de aterrar en Corcubión. Os veciños bergantiñáns recibírono con pancartas preguntando pola propiedade dos terreos da Lagoa.

Unha VAC que está incluída no Plan da Costa da Morte 2006-2010 (un nome que trae lembranzas), co que . Caride adiataba que o treito ata Baio, estará en servizo a finais de 2010 e o seguinte treito seis meses despois. Outro avance foi o da resolución do concurso do Parador, outra infraestrutura repetda. Será o vindeiro 8 de xaneiro cando se coñecerá o proxecto gañador do Parador de Muxía.

"Deixar atrás o déficit de comunicacións da Costa da Morte" é un dos subtítulos desta nota de prensa que analizamos. Non terían que contar co transporte público?

TOURIÑO SUBLIÑA QUE COA VÍA DE ALTA CAPACIDADE DA COSTA DA MORTE “NON HABERÁ NIN UN SÓ QUILÓMETRO DA FRANXA ATLÁNTICA SEN VIAIS DE ALTAS PRESTACIÓNS E DESCONECTADO DE GALICIA, ESPAÑA E EUROPA”

  • O presidente da Xunta e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, presidiron o acto de colocación da primeira pedra da autovía Carballo-Berdoias
  • Explica que 8 vías de altas prestacións garantirán a conectividade de toda a costa: a da Costa Norte, Costa da Morte, Santiago- Noia e a variante de Marín, en fase de execución; as autovías do Salnés e do Barbanza, en servizo; e a do Morrazo e a Tui- A Guarda, en fase de proxecto
  • Salienta que a Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte, cuxo orzamento supera os 340 millóns, sitúa a esta zona “en igualdade de condicións e de oportunidades co resto do litoral galego”
  • “Esta é unha mostra máis do cambio que estamos levando a cabo en Galicia, un cambio co que estamos facendo país, cidadanía, estruturando o territorio, un cambio que coloca o reequilibrio territorial no centro da nosa política”, asegurou
  • Remarca que co treito de Carballo a Berdoias “o 84 por cento do tronco desta nova infraestrutura” será construído como autovía, e adianta que, ata Baio, estará en servizo a finais de 2010 e o seguinte treito seis meses despois
  • Destaca que apostar por unha vía libre de peaxe “é apostar por un modelo de solidariedade entre todos os galegos”
  • A conselleira María José Caride anuncia que o vindeiro 8 de xaneiro se coñecerá o proxecto gañador do Parador de Muxía, no que se investirán 20 millóns de euros

Carballo, 22 de decembro de 2008.- “Cando entre en servizo a Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte, non haberá nin un só quilómetro da franxa atlántica, desde a Guarda ata Fisterra, sen vías de altas prestacións e desconectados de Galicia, de España e de Europa”. Así o remarcou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante o acto de colocación da primeira pedra da autovía Carballo-Berdoias, pertencente á Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte, que presidiu esta mañá en Carballo acompañado pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride.

O titular da Xunta explicou que esta conectividade de toda a costa a través de vías de altas prestacións se garantirá con 8 infraestruturas das que 4 están en execución, 2 en servizo, e outras 2 en proxecto. “Está en plena execución a vía de alta capacidade da Costa Norte, a da Costa da Morte, a de Santiago- Noia, e a variante de Marín; en servizo, as autovías do Salnés e do Barbanza; e en proxecto, a de Tui a Guarda e a do Morrazo “, lembrou.

Deixar atrás o déficit de comunicacións da Costa da Morte

O máximo mandatario galego subliñou que, coa VAC, cuxo orzamento supera os 340 millóns de euros, a Costa da Morte “cambiará o seu histórico illamento” e remarcou que esta infraestrutura foi pensada “para impulsar a accesibilidade a unha das zonas do país con maior potencial turístico, paisaxístico, ecolóxico e ambiental”.

“Esta é unha mostra máis do cambio que estamos levando a cabo en Galicia. Un cambio co que estamos facendo país, cidadanía, estruturando o territorio. Un cambio que coloca o reequilibrio territorial no centro da nosa política, para superar as dúas galicias, a Galicia das dous velocidades”, afirmou. “Non hai razón para ter que vivir nunha situación permanentemente periférica”, engadiu.

Pérez Touriño lembrou que a VAC, que se enmarca dentro do Plan da Costa da Morte 2006-2010, está deseñada como una autovía entre Carballo e Berdoias; como un corredor con opción de desdobramento no treito entre Berdoias e Cee; e como vía de alta capacidade nas variantes de Carballo, Cee-Sardiñeiro e Cee-Brens. O titular da Xunta destacou, ademais, a decisión de construír unha vía libre de peaxe en todos os seus treitos. “Hoxe é un bo día para falar de vontade política e de compromiso coa Costa da Morte. Porque non é o mesmo unha autovía con peaxe que outra libre de peaxe. Apostar por unha vía libre de peaxe e apostar por un modelo de solidariedade entre todos os galegos. Apostar polo peaxe e ir en contra do reequlibrio territorial”, asegurou.

Segundo explicou o presidente do Goberno autonómico, a autovía Carballo-Berdoias, vai mobilizar o 73 por cento do orzamento total, xa que a súa construción require un investimento de case 250 millóns, dos máis de 340 totais destinados a este proxecto. Adiantou, ademais, que o subtreito de autovía que conecta Carballo con Baio entrará en servizo a finais do 2010, mentres que o de Berdoias en maio do 2011.

Actuacións en toda a Costa da Morte

Emilio Pérez Touriño salientou que a autovía entre Carballo e Berdoias está incluída dentro do Plan da Costa da Morte 2006-2010 do que destacou o seu alto grado de execución. “Hoxe ten en marcha o 80% dos seus recursos e acada un nivel de investimento de 730 millóns de euros”, salientou o máximo mandatario galego.

“E este compromiso coa Costa da Morte que asumín desde o principio da lexislatura non se reflicto só nesta autovía senón tamén noutras actuacións, como a do porto de Brens, a actuación en materia portuaria máis importante das que son de competencia autonómica, o plan de solo industrial, as melloras no resto dos portos da comarca ou o ciclo de auga”, explicou Touriño. O presidente da Xunta citou, tamén, como mostra da aposta do seu Goberno pola Costa da Morte, o Plan Integral de Emprego e as axudas á dinamización económica destinadas a diferentes sectores.

O 8 de xaneiro, o proxecto do Parador

A conselleira de Política Territorial destacou, pola súa banda, outras obras destinadas á mellora e conservación da rede de estradas da Costa da Morte como o novo vial entre Carballo e Buño que mobilizou máis de 11 millóns de euros e que entrou en servizo medio ano antes do prazo previsto, e o acondicionamento das estradas Buño-Malpica, Buño-Ponteceso e Ponteceso-Corme, nas que a Xunta investiu máis de 16 millóns.

Durante a súa intervención, María José Caride salientou que, entre as actuacións que ten en marcha o Goberno galego na Costa da Morte, tamén está a ampliación e renovación das instalacións portuarias que suman un investimento de preto de 38 millóns de euros. A conselleira adiantou, ademais que o vindeiro 8 de xaneiro, o xurado fallará o concurso sobre o Parador de Muxía e poderá coñecerse o proxecto gañador. Este Parador, que será construído por unha sociedade dependente do Ministerio de Industria, mobilizará un investimento de 20 millóns de euros e será fundamental para a dinamización turística da Costa da Morte.

Fonte

  • Nota de prensa do Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia.
  • Fotografía de Marcos Rodríguez.

Comentarios