TraballarnaCosta: "A día de hoxe algunhas empresas non atopan traballadores"
- "As profesións máis demandadas son as relacionadas coa hostalería, onde melloraron (en xeral) as condicións laborais"
- "As ofertas na construción non son tan desexadas. As condicións son mellores, pero a xente está menos disposta a realizar este tipo de traballos."
- "Hai máis xente que di que ven de outros países (principalmente sudamérica), e que queren traballar tanto en hostelería como na construción, coidado de maiores…
Naqueles tempos, a crise estaba facendo estragos en toda España, e empezaba a notarse de xeito especial na Costa da Morte. Actualmente, segundo nos comentan a situación é bastante diferente, ata o punto de que algunhas empresas non atopan traballadores/as, especialmente no sector da hostelería ou da construción.
Segundo nos contan, foi un proxecto moi gratificante dende o primeiro momento, xa que se ían vendo como as visitas aumentaban día tras día e mes tras mes. Ademais do blog, tamén puxeron en marcha a páxina de Facebook, que ía subindo en visitas a un ritmo vertixinoso ata os 16.000 siareir@s. Todo iso reforzaba a idea de que isto era necesario, de que a xente da Costa da Morte precisaba dun espazo onde informase das ofertas da zona.
Actualmente tamén teñen presencia en Instagram aínda que esta rede a traballan menos, por falta de tempo, e tamén en Telegram, que permite á xente enterarse de todas ofertas no momento en que se publican.
Neste momento, ademáis dese obxectivo inicial de acercar as ofertas ós e ás demandantes de emprego, tamén se pretende ser un lugar onde as empresas poidan buscar persoal, para iso teñen habilitado dende fai uns anos un formulario no que as empresas poden subir de xeito gratuito as súas ofertas (https://traballarnacosta.com/
- Que cambiou na última década? Notades máis ou menos oferta? diferencia de sectores demandantes de emprego?
Pois si, notamos que hai algunhas ofertas máis que fai dez anos, algo moi positivo, xa que se temos traballo na zona, non teremos que saír fora, e podemos seguir vivindo e traballando na Costa da Morte.
En xeral vemos que hai máis sectores (con algún repunte no sector industrial) e tamén ofertas con mellores condicións, tanto en canto a duración como salario e xornada laboral.
- Cantas ofertas hai semanalmente, aproximadamente?
Depende, hai moito traballo estacional vinculado ó turismo, hai máis antes das tempadas vacacionais (semana santa, verán…), e hai épocas onde hai menos. Hai moita variabilidade, algunhas semanas pode haber 15 ou 20, e outras 4 ou 5.
- Comparades algo as vosas cifras coas de Infojobs?? Hai ofertas da Costa no portal de emprego máis famoso do estado?
A verdade é que non facemos esa comparación… Si que vemos que dende que empezamos (alá polo 2011, xa choveu…), pois somos máis coñecidos:
- Hai máis persoas que nos envían directamente as ofertas, xa que temos unha sección onde poden facelo de xeito gratuito cubrindo un formulario: https://traballarnacosta.com/
publicar-anuncio/ - Aparece o noso blogue en distintas recopilacións de páxinas para a búsqueda de emprego
- Algunha xente comentanos que lle recomendaron o noso blogue cando foron a recibir orientación laboral en distintos organismos
- Hai persoas que comparten que dan difusión das nosas ofertas en grupos de Telegram, Facebook…
Resulta satisfactorio ver que un traballo que empezamos fai tantos anos, está aínda tendo tanta repercusión, e sobre todo, ver que resulta útil a tanta xente.
- Cales son as profesións máis demandadas?
As profesións máis demandadas son as relacionadas coa hostelería. Este sector é claramente un dos máis importantes na zona, principalmente nas épocas máis “fortes” (semana santa e verán).
Tamén en determinadas épocas nos atopamos con traballos relacionados co sector industrial (cando aumenta a carga de traballo en industrias conserveiras principalmente).
Empezan a aparecer cada vez máis ofertas relacionadas coa atención e coidados (principalmente á terceira idade) e ofertas de pequenas empresas ou autónomos que precisan distinto tipo de persoal (dependentes/as, axudantes, administrativos/as…).
E despois hai ofertas máis especializadas (traballadores/as sociais, formadores,...)
- Segue aumentando o sector da construción como avanzábades en 2019?
No sector da construcción vemos cambios importantes, especialmente en como funcionan estas ofertas. Antes eran ofertas “moi desexadas e buscadas”, pero neste momento vemos que a xente non se interesa tanto. Non hai un boom de ofertas, pero si que hai máis que as que había fai uns anos.
Vemos a situación que se está vendo a nivel xeral, as condicións son mellores, pero a xente está menos disposta a realizar este tipo de traballos.
- Segue habendo falta de persoal na hostalería? Como vai o tema da profesionalización do sector?? Melloraron as condicións laborais ofrecidas ou seguimos nos tempos de facer 60 horas e cotizar por media xornada?
O que estamos vendo é que melloraron (en xeral) moito as condicións laborais (menos horas e maior salario). Ou polo menos iso é o que nos vemos nas ofertas, logo a realidade xa non sabemos…
Sorpréndenos que a pesar disto, estas ofertas (o mesmo que pasa coas da construción) teñen pouca repercusión entre os/as nosos/as seguidores, do que deducimos que hai pouco interese en realizar este tipo de traballos.
Algo que estamos vendo neste sector e tamén na construción é que aumenta o número de persoas que veñen de outros países para traballar aquí.
En xeral na nosa páxina hai máis xente que di que ven de outros países (principalmente sudamérica), e que queren traballar tanto en hostelería como na construción, coidado de maiores…
- A axuda no fogar xa é un dos máis necesarios?
Pois si vemos máis necesidade deste tipo de perfís. Os máis difíciles de cubrir son aqueles que piden unhas horas soltas, ou traballo pola noite ou nas fins de semana.
Aquí tamén vemos maior especialización (cada vez hai máis xente formada) e mellores condicións laborais que fai uns anos. Agora en xeral os horarios están bastante delimitados, e as persoas que precisan deste perfil deixan claro nas ofertas o que precisan (só en fins de semana, só unhas horas…).
Por outra banda, este tipo de ofertas, xunto coas de dependente ou caixeiro/a son as que máis interesan ós nosos seguidores/as, en parte supoñemos porque nesta zona se imparte anualmente formación especializada orientada ó coidado de persoas dependentes.
- Cales son os Concellos máis activos en función das ofertas?
Non levamos un seguimiento por concellos, pero si vemos que en xeral a maioría comparten puntualmente algunha oferta, e despois hai concellos que teñen un servizo que (a nivel redes sociais, polo menos), está funcionando moi ben, como o Concello de Santa Comba ou o de Camariñas. Soen compartin ofertas con moita frecuencia. Logo outros Concellos tamén comparten de vez en cando.
- Que Concellos credes que fan algo para mellorar a empregabilidade dos seus veciños?
Non podemos dar unha opinión moi obxectiva sobre este tema, posto que non coñecemos a realidade de todos os Concellos. Si podemos ver a través das redes cales teñen máis actividade e cales non, tal e como comentamos anteriormente.
Pensamos que sería interesante contar con maior colaboración cos Concellos, e pola nosa parte, poñemos a nosa plataforma e recursos a disposición dos mesmos, e tamén nos gustaría poder estudiar conxuntamente distintas formas de colaborar que repercutan na mellora da empregabilidade das xentes da Costa da Morte.
- Como funciona o SEPE?
Non podemos opinar sobre o funcionamento en sí, porque non o coñecemos en profundidade, pero o que nós vemos é que é un servizo ”moi estático”, que cumpre ben coas súas funcións, pero ó que quizais lle falte dinamismo e que lle costa actualizarse e ter en conta os cambios a nivel laboral e social que se están producindo.
- Como valorades proxectos de formación pagada como o dos Obradoiros de Emprego? Considerades que son unha saída real ou é pan para hoxe e fame para mañá?
Pois bueno, pensamos que hai de todo. Algúns dos que se fixeron parecían bastante enfocados ás necesidades da Costa da Morte, como pode ser o turismo. Pero despois non sabemos cal foi a incorporación ó mercado laboral destas persoas, se realmente esto se traduce en unha mellora de empregabilidade destas persoas e na posibilidade para as empresas de contar con persoal formado.
Por outra banda está o debate sobre a formación pagada, que non sempre todos os que están están porque lles interesa traballar nese sector, senón pola parte económica, e despois non amosan un interese real rematado o obradoiro.