Luns. 21.10.2019
El tiempo

Un conto de nadal

Facer comparacións está feo (iso din). Pero en non poucas ocasións nos comparamos con outros para, por exemplo, ver si o rumbo que decidimos levar é ou non o mais adecuado. De aí saen os famosos “países de nuestro entorno” cos que vale a pena compararse cando se fala de algo que se quere positivo ou con outros países menos recomendables ou lonxanos cando non. Hoxe quero facer comparacións para falar de algo do que non se fala, xa sexa por utópico, xa por demagóxico ou por interesado. Hoxe vou falar da débeda histórica. Da que teñen coa Costa da Morte institucións rexionais, estatais e europeas e de outra mais grande pero tamén mais escurridiza. Comparemos. A Comarca do Deza situase en Pontevedra e fai fronteira coa Coruña. Lalín é a súa capital e o lugar de nacemento de… Xosé Cuíña, todopoderoso conselleiro de infraestruturas entre 1990 e 2003. Cuíña foi moitas máis cousas; Alcalde de Lalín, presidente da Deputación de Pontevedra e secretario xeral do PP en Galicia e so unha caída en desgracia relacionada con 8.500 traxes de aqueles que se usaron para limpar o fuel do Prestige (e o cainismo propio das filas pepeiras) acabaron cunha carreira que estaba chamada a rematar en San Caetano, presidindo a Xunta de Galicia en sucesión de Fraga. Pero si algo foi Cuíña é lalinense. Mais aínda que o cocido ou a industria téxtil. Cuíña era, foi e será, (por descendencia) Lalín e Lalín é Cuíña. Vexamos por que. A Comarca do Deza a forman 6 concellos (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón) e está habitada por 41.849 almas. Dista uns 50 quilómetros de Compostela e, evidentemente, non ten mar. E non ten nada de especial, para que enganarnos. Sen embargo, por razóns que logo explicaremos, conta cun plus de inversións e apoios cos que non conta a Costa da Morte. E non é a única zona na que sucede algo así. Imos o allo. Vivir na comarca do Deza é relativamente cómodo. Coa capital de Galicia a menos de media hora por autoestrada e a 45 minutos en tren, un ten un fato de servizos a un paso. Na zona hai chollo, baseado nos mais de 850.000 metros cadrados de chan industrial, practicamente ocupado na súa totalidade e en virtude aos 5 polígonos industriais na zona. So en Lalín hai mais metros de chan industrial que en toda a Costa da Morte (tres veces mais), 643.000 do polígono Lalín 2000 fronte aos 269.000 da suma de Cee e Vimianzo. O tren que comunica Lalín con Santiago ten unha frecuencia diaria entre semana e dúas aos domingos e rolda os 5 euros por traxecto. Facelo tramo en cuestión custou o redor dos 500 millóns de euros (a prezos de hoxe en día). Son mais dos que custou a variante da autoestrada Santiago-Dozón (AP-53) que enlaza coa autoestrada das Rías Baixas e que saíu por uns 280 millóns de euros. Ese tramo, inaugurado no 2003 ía ser “o mais rendible” da rede de autoestradas de peaxe de Galicia. Agardábase unha afluencia media duns 6000 vehículos. Mágoa que esta cifra so se alcanzara en 2008 e que, de media, nos 13 anos de existencia da vía a media sexa moito mais modesta: 4.500 vehículos. Ao tempo que isto sucede a media-autopista da Costa da Morte promediou 7.500 coches por día. Falacia da viabilidade tumbada. Vistas as diferencias, substancia-das nun paquete de inversións repartidos nuns dez anos que supera, para unha comarca formada por seis concellos na provincia de Pontevedra, a friolera de mais de 1000 millóns de euros en infraestruturas viarias, ferroviarias e chan industrial. 1.500, por redondear. Vaiamos coas similitudes (ou non tanto) Sen querer entrar no eterno debate sobre o que é e o que non é a Costa da Morte, tomarei coma referencia as comarcas de Fisterra e Soneira. Trátase por unha banda de 5 concellos (Cee, Corcubión, Fisterra, Dumbría e Muxía) e outros tres ao norte (Vimianzo, Camariñas e Zas), habitados por 41.453 habitantes. Derribemos a segunda falacia “É que somos facemos forza”. Na comarca do Deza, perceptora deses 1500 millóns en inversións viven 400 persoas mais que aquí.. Si, si, 400. En Cee a comarca conta cun demandadísimo hospital, responsable da supervivencia de innumerables persoas as que durante décadas se condenou a morte por ter que viaxar a Coruña cruzando un camiño pedestre (chamar estrada a aquela comarcal 552 é un insulto as estradas). Na comarca do Deza, a 50 quilómetros por autoestrada do CHUS compostelán queren un hospital e así o teñen pedido en bloque tódolos rexedores da comarca pontevedresa. E faranllo, non o dubidedes. Así que recapitulemos: Deza, cunha poboación similar a das comarcas de Fisterra e Soneira, recibe en década e media 5 veces mais fondos para inversións en infraestruturas e chan industrial (non conto o resto para non abrirme as veas) porque… ¿por qué?. Acaso na zona se desenvolven probas nucleares que afectan a saúde da poboación?, ¿tal vez no lugar a esperanza de vida e netamente inferior a media galega e se quere poñer a altura do resto?, ¿ou tratase quizá da residencia dun grupo de poderosos magos que cos feitizos poderían…?.. non, nada diso. A única explicación plausible a estes feitos pasa polo mais insigne residente en tempos de vacas gordas da historia de Galicia; Lalín recibiu a maior parte deses fondos entre 1990 e 2003. Nin mais nin menos. Pensar en decisións estratéxicas baseadas no “especial interese social" ou na “necesidade para o territorio” e pouco menos que infantil. Cuíña era de Lalín e Lalín (e a comarca da que é capital) viuse beneficiada por unhas inversións ilóxicas de todo punto. Creo que a estas alturas non pasa nada por recoñecelo. Chegados a este punto, seguro que moitos son os que se preguntan a onde quero chegar; ¿é que acaso precisamos un “Cuíña de Fisterra”?… je,je,je… non, para nada. Cuíña houbo un, e o seu xeito de facer política (ese “galeguismo de dereitas”) é irrepetible e innecesario. Tampouco serve como xustificación dicir que a proximidade a Santiago, ou que si a situación xeográfica (no centro de Galicia, segundo os xeógrafos). Si por esas nos guiamos, o Val do Dubra está mais preto, ou Santa Comba, e si queredes podemos falar de como están de comunicacións e inversión pública… un chiste. Así que a única explicación plausible é a antes citada; Cuíña era de Lalín e nin de Fisterra, nin do Val do Dubra, nin de Santa Comba. Asumido todo isto, pasemos as conclusións. Corría o ano 2005 cando o insigne Anxo Quintana pedía a Madrid o abono da denominada “débeda histórica” con Galicia. Unha débeda cifrada nun montón de números distintos pero que, na cifra mais repetida, roldaría os 21.000 millóns de euros. Uns cartos derivados do non investido no pais en décadas de historia e que está detrás, segundo as teses do entón vicepresidente da Xunta, do secular atraso do país con respecto ao resto de España. Non quero eu compararme con Quintana, entre outras cousas porque eu teño palabra, pero asumindo a base desa tese quero expor o seguinte; a Xunta de Galicia “debédalla” a Costa da Morte o redor de 1500 millóns de euros. Con eses cartos, ademais de rematar a autoestrada coa Coruña (os 40 quilómetros que faltan) e a variante entre o polígono en Cee e o Porto de Brens (un inciso; o Porto de Brens, que sería imposible na Comarca do Deza, custou 21 millóns de euros… por si algún listo pensa que esta é a obra que equilibra o asunto… ja!) teríamos para unha vía de alta capacidade con Compostela, uns 400.000 metros cadrados de chan industrial, un proxecto de enlace ferroviario e case 400 millóns mais para dedicar a fomento do investimento e inversión privada (a que da postos de traballo, esa). Esta inversión a medio prazo, e non outra cousa (e non, por suposto, as migallas de Villar Mir para xustificar a venda das centrais) será o que faga viable e rendible a bisbarra no próximo cuarto de século. E pódese facer ben agora, cun plan detallado (algo que, vistos os próximos orzamentos, nin se contempla dende a Xunta) ou polas malas no futuro, pero que non caiba a ningún habitante de San Caetano a máis mínima dúbida de que se fará… que porqué o teño tan claro?. Porque se non se fai, se non se re-equilibra co resto do país está zona perdida da man de deus na próxima década e media, as consecuencias dese novo insulto se se sentiran en Santiago e na Coruña. Igual que se sentiu a choiva de millóns polo Prestige e igual que se notou a inversión asociada ao inmobiliario. A Costa da Morte, estes 40.000 habitantes mais os outros 40.000 da parte norte, son a “clave de bóveda” que equilibra a provincia. Cun norte eminentemente mais rico que o centro costeiro, e cun sur (Ribeira e o Barbanza) moito mais rico (Ribeira case que quintuplica o PIB de Cee, por exemplo) esta zona desequilibra as contas ata o punto de ser, e o digo sen ánimo de manifestar ningún fin violento ou similar, o verdadeiro problema de orde público dos próximos 25 anos. Pensádeo, onde mellor que nun lugar a onde é difícil chegar, onde mellor que nun sitio practicamente deshabitado, vou eu, delincuente de medio pelo con ínfulas de mafioso, a xestionar as miñas cousas? Onde vou gardar e almacenar o froito dos meus roubos? Se durante décadas foi sinxelo descargar e alixar drogas e tabaco de contrabando na bisbarra, para que recorrer agora a outros puntos, cando cada vez é mais sinxelo atopar estruturas abandonadas e illadas de ollos miróns? Por outra banda, si xa é un problema para as estruturas urbanas de A Coruña ou Vigo (xa non falo de Compostela) soportar a crecente migración do campo a cidade nun lugar como Galicia, que pensan que vai suceder si cada vez é mais complexo vivir aquí? que cren que sucederá cando non exista a mais mínima oportunidade para os mais novos? a onde iran? a Suíza? O mellor foi unha boa opción hai tempo, pero creo que as novas non son boas neste senso así que, pregunto: que pensan as autoridades políticas deste país ao respecto da Costa da Morte? Acaso vai seguir o ninguneo, o insulto, a total falta de respecto aos nosos representantes? é admisible que en pleno 2017 o presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas ignore tanto as circunstancias propias deste territorio como para dicir que “a actividade (das centrais do río Xallas) naceu ligada as fábricas, pero hoxe esa ligazón non existe mais que no documento de concesión”. Si os seus ditames económicos son desta enxunlla é lóxico que a economía sexa tida por pseudociencia e que non se tome moito en serio. Este é o presidente é. Poderiamos explicarlle que si temos un caixón A ao que van os cartos que nos pagan pola corrente eléctrica que producimos e de ese mesmo caixón A saen os cartos para pagar as nóminas dos nosos empregados na fábrica, non é igual de bo ter que sacar os cartos dun caixón B para facer ese mesmo desenvolso. Dito doutro xeito, si eu son Villar Mir e ME PAGO A MIN MESMO o custe da electricidade que preciso para a miña fábrica, non é o mesmo que pagarlla a un terceiro. Iso é “ligazón” e o resto son hostias. Perdoando. Non teño lido nunca ao presidente do Colexio de Economistas de Galicia (algo así como a Santa Compaña ou Club da Comedia, para o que serve) dicir nadiña sobre o desequilibrio endémico dos territorios de Galicia. Nada lle teño escoitado sobre o desfalco que significa producir millóns de euros anuais en electricidade sen recibir practicamente nada a cambio, pero sufrindo, iso si, as consecuencias dunha meteoroloxía tan produtiva nas nosas costas. Será que en Compostela, nodespacho do señor Vazquez Tain non chove, hai calefacción de balde e unha boa nómina ao mes. El, que nos convida a ver o asunto en positivo, pero que non se molla para dicir si será bo ou malo aceptar a componenda, si asume que o mellor é bo vender, sen ter en conta que é o que se vende. Se vende o inverno amigo, se venden as casas e campos asolagados, se venden os centos de mortos por silicose, os mortos por anos de traballo en condicións inadecuadas. Se venden milleiros en pensións e se vende un territorio onde nin Vazquez Tain nin ninguén pensou nunca en que facer si un día, un mal día, a fábrica pecha e todo vai o garete. Conmino os Vazquez Tain de turno a que pensen niso na vez de dicirnos os que estamos no pozode que xeito seguir cavando para ver se saímos pola outra veira do furado. A miña pregunta é sinxela: señor Vazquez, señor Feijoo e señores deputados pasados e presentes con facultades de goberno: endebédannos alo menos 1500 millóns de euros en inversións…. Vánnolo devolver?
  • José Luis Louzán, de RDF Comunicación (louzan[arroba]quepasanacosta.com).
 

Novas relacionadas

Máis novas

Artigos de José Luís Louzán en QPC 2016

Verdades de José Luís Louzán en QPC

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios