A veciñanza de Ponteceso, Coristanco e A Laracha doa o doble que a de Malpica e Cabana
 
          Coñecimos onte as datas da campaña de doazón na Laracha, e hoxe facemos o propio en Carballo, onde o xefe do área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS, Carlos Areal Méndez, xunto co alcalde Evencio Ferrero, presentaban uns datos ben interesantes. No marco da campaña especial “Tres Millóns de Grazas” , que anima a aumentar as doazóns en todo o país, a unidade móbil achégase á Praza do Concello os días 4, 5 e 6 de agosto (das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas), para asegurar o gran labor asistencial dos centros hospitalarios galegos, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias.
Evolución na Comarca de Bergantiños
A pandemia infliu na evolución das campañas de doazón pero aínda así, na comarca de Bergantiños houbo un ascenso de de dous puntos no índice de doazón por cada 1.000 habitantes e ano. Así e todo, as cifras por concello son bastante diversas, notando como os concellos de Ponteceso, Coristanco e A Laracha están moi por riba dunha media que baixa polo baixo compromiso da veciñanza de Cabana e Malpica, nomeadamente. Unhas cifras que, en calquera caso, tamén dependen da cantidade de veces que chega a Unidade Móbil ao Concello e que non contabiliza as veces que a veciñanza se despraza ao punto continuado do CHUAC.
| Concello | Doazóns 2021 | Habitantes | Taxa de Doazón | 
| Ponteceso | 286 | 5457 | 52/1.000 | 
| Coristanco | 297 | 5878 | 51/1.000 | 
| A Laracha | 561 | 11521 | 49/1.000 | 
| Laxe | 113 | 3004 | 38/1.000 | 
| Carballo | 959 | 31414 | 31/1.000 | 
| Cabana | 84 | 4185 | 20/1.000 | 
| Malpica | 107 | 5332 | 20/1.000 | 
| Total Bergantiños | 2.407 | 66.791 | 37/1.000 | 
 
       
       
             
             
         
           
          