Verónica Facal deixa só ao alcalde á fronte de TeGa de Coristanco


Vai ficando só ante o perigo o alcalde de Coristanco. Amancio Lavandeira comezaba o seu mandato en 2015 arroupado por un completo equipo de goberno, e dous partidos. Dous anos despois quedou sen os apoios dos PSdG e BNG, e esta mesma tarde vimos de coñecer que xentes do seu mesmo partido marchan do seu grupo municipal.
Así o anunciaba a Concelleira de Xuventude e Deportes, Verónica Facal, que vén de tomar a “decisión irrevogable de deixar de pertencer ao Grupo Municipal de Terra Galega no concello de Coristanco”. Iso si, Facal continuará “defendendo os intereses xerais dos veciños deste municipio como concelleira non adscrita”.
Facal explica varios motivos, destacando “as diversas discrepancias que manteño co alcalde, Amancio Lavandeira, e cos demais membros do grupo sobre a xestión que se está a levar neste concello”. Afirma ademais que considera “un distanciamento do proxecto co que nos presentamos ás eleccións, e que non se están a cumplir as promesas que lle fixeron aos veciños na campaña electoral”.
Unha deriva para a que Facal non percebe “vontade nin de escoitar nin propósito de cambio, despois de expoñer en reiteradas ocasións o meu descontento”.
Con todos estas idas e vidas, non é de estranar que o apartado “Corporación” da web municipal estea sempre “en mantemento”…
Novas relacionadas
- Febreiro 2017: O BNG sae do goberno de Coristanco e deixa só ao alcalde.
- Febreiro 2017: Os veciños volven quedar sen palabra no pleno de Coristanco.
- Novembro 2016: O PSOE de Coristanco apoia unha moción da revisión do IBI presentada polo PP.
- Xuño 2016: O BNG de Coristanco critica a falsa xenerosidade do edil do PSdG
- Xuño 2016: O edil do PSOE de Coristanco renuncia á súa dedicación.
- Abril 2015: Gerpe, o alcaldable máis novo do PSdG en toda a provincia.
- Xuño 2015: PSOE e BNG apoiarán a investidura a Amancio Lavandeira como novo alcalde de Coristanco.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).