Vimianzo, Camariñas e Muxía realizarán un obradoiro de emprego xuvenil para formar a 16 alumnos
Os Concellos de Vimianzo, Camariñas e Muxía conseguiron unha subvención de 369.492,32 euros para levar a cabo o programa de emprego "Xuventude polo emprego", que permitirá formar a 16 mozos e mozas incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
Os rexedores dos tres municipios; Mónica Rodríguez, Sandra Insua e Iago Toba; decidiron unir forzas co obxectivo de fomentar o emprego, aumentar a inserción laboral e mellorar as capacidades dos seus veciños e veciñas.
Para iso, a través das súas respectivas Axencias de Desenvolvemento Local, elaboraron as candidaturas para obter tres subvencións das que puidesen beneficiarse os tres municipios: Camariñas era a administración promotora da solicitude para realizar un Plan Integral de Emprego, Muxía encabezaba un programa formativo cun rango de idade máis amplo e Vimianzo era a entidade promotora do obradoiro "Xuventude polo emprego", que acaba de ser concedido. Aínda non se comunicou a resolución dos dous restantes.
Xuventude polo emprego
O programa de emprego "Xuventude polo emprego", cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Fondo Social Europeo "Iniciativa de Emprego Xuvenil, o FSE inviste no teu futuro", permitirá formar a 16 mozos e mozas incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía Xuvenil.
A sede estará en Vimianzo, como entidade promotora, pero as prazas repartiranse de xeito equitativo entre Vimianzo, Camariñas e Muxía. Desenvolveranse dous módulos: "Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web" e "Instalación de elementos de carpintería". Todos os alumnos terán un contrato de traballo durante a súa formación, que se desenvolverá do 15 de setembro de 2020 ao 14 de setembro de 2021, con 1920 horas lectivas.
No caso do primeiro módulo os obxectivos son: desenvolvemento de aplicacións web para asociacións e a creación de ferramentas para a bolsa de emprego municipal, para a xestión do arquivo audiovisual municipal e de axenda de eventos territorio. Tamén se encargarán de elaborar aplicacións para as áreas de turismo.
Os obxectivos do segundo módulo son: montaxe de casetas multifuncionais en Vimianzo e Camariñas, actuación na fachada da biblioteca municipal de Camariñas, mantementos e mobiliario en todo Vimianzo e específicamente na escola de Reboredo e na de Señoráns e arredores, mantementos e melloras de chan e paramentos de madeira das oficinas da Casa de Pedra de Camariñas e o mantemento e a mellora de elementos de madeira da área fluvial do Río Negro en Muxía.
Nos próximos días reuníranse as alcaldesas e alcalde dos tres municipios para establecer as liñas organizativas básicas deste programa conxunto.
Mónica Rodríguez expresou o seu convencemento de que “apostar por este tipo de accións formativas redunda dun xeito na economía da zona”. Pola súa banda, Sandra Insua destacou a “importancia, de cara ao futuro, de contar cunha mocidade preparada e emprendedora”. Por último, Iago Toba explicou que “é o noso obxectivo e o noso deber continuar traballando que os nosos veciños poidan beneficiarse de máis obradoiros como este”.