Luns. 29.04.2024
El tiempo

6 rutas en kaiak pola Costa da Morte

Kaiak no Anllons 2
En kaiak polo río Anllóns
6 rutas en kaiak pola Costa da Morte

Unha das prácticas de turismo activo que vai medrando ano a ano na Costa da Morte é o kaiak. As rutas en piragüa cada vez teñen máis adeptos, e cada vez son máis os visitantes que queren descubrir as nosas rías e os nosos ríos nestas singulares e fáciles embarcacións.

Nunha comarca na que temos un club como é o Club Deportivo Municipal de Dumbría, que é unha verdadeira referencia a nivel galego, creando unha canteira de deportistas espectaculares e un achegamento da rapazada á natureza.

Faltaría, para converter esta práctica nun verdadeiro servizo, coidar algo máis os ríos, e ter máis apoio dende as entidades locais, así como unir o sector hoteleiro e as empresas de viaxes coas empresas de turismo activo que ofrecen estes servizos.

Río Anllóns

No río Anllóns, a tenda de pesca Surca de Ponteceso ofrece rutas guiadas e aluguer de kaiaks para facer unha fermosa viaxe, dende a ponte de Pondal río arriba, puidendo chegar case ata a ponte da Garga, no lugar de Anllóns; ou cara o Esteiro do Anllóns, puidendo disfrutar da espectacular desembocadura do río bergantiñán na enseada da Insua, ver de preto o espazo dunar da Barra e mesmo chegar ata a entrada da ría de Corme e Laxe.

Kaiak no Anllons
O kaiak á accesible para todas as idades

Río Xallas e a enseada Ézaro

O río Xallas conta con varias posibilddades. Pero na zona norte do río Xallas é unha verdadeira mágoa que o treito navegable que hai dende a central eléctrica do encoro da Fervenza ata Colúns, o soño de calquera empresa de turismo activo, non está accesible. Porque é un treito de río ideal, que se sitúa xusto despois do que vai ser o Canle de Augas Bravas do Couquiño, e que ten unhas condicións ideais para disfrutar deste deporte a nivel afeccionado, sempre e cando houbese unha compatibilidade coa práctica da pesca deportiva, e houbese uns horarios establecidos, como se fai en toda Europa, en función da turbinaxe da auga dende o encoro.

Si que poderemos facer kaiak no encoro da Fervenza, con Naturmaz, o complexo deportivo mazaricán que ofrece a ruta para disfrutar do lago artificial.

Temos tamén varias ofertas, sobre todo arredor da fervenza do Ézaro, e as tranquilas augas da súa enseada. Ovidio fai rutas guiadas con kayakezaro.com AdverturÉzaro para disfrutar ao máximo a enseada e mesmo a praia dumbriesa; e tamén ofrece alugueiro de piraguas.

Tamén a empresa de deportes de aventura Atlantis Adventure organiza saídas pola enseada do Ézaro, pola ría de Corcubión dende Cee e mesmo por Fisterra dende Sardiñeiro.

Ría de Camariñas e rio Grande

Outra fermosa oportunidade de ser padexeiro é dende Camariñas. A Escuela de Mar de Ubunto Life, situada no Club Náutico de Camariñas, en pleno peirao, ofrece saídas cara a ría de Camariñas, pero tamén subindo cara o río Grande, ao contrario de como fan cada ano no fermoso descenso en kaiak Ponte do Porto-Camariñas. Dependendo do nordés pode ser unha aventura espectacular, ben cunha ruta guiada acompañado polos monitores ou mesmo por unha zodiac, ou ben de xeito autónomo.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A post shared by UbuntuLife (@ubuntulife_)

En Louro e Muros

Xa polo sur da comarca a empresa do deportista carnotán Abel Lago Watersports ofrece a posibilidade de alugar kaiaks, así como outros materiais de surf, paddle surf… Un xeito fantástico de gozar da espectacular zona de Louro e Muros, tanto dende a praia de Area Maior como dende a de San Francisco.

 

Comentarios