A Xunta reactiva a creación da Canle de Augas Bravas do Couquiño
Tres anos leva Dumbría pelexando pola creación dunha canle Olímpica de Augas Bravas no Couquiño, no curso do río Xallas. Unha oportunidade que colocaría á Costa da Morte como o “a única zona de Europa cunha canle olímpica activa de outubro a maio”. Unha oportunidade histórica á que se pechaba á Xunta por un desencontro algo infundado cos pescadores da zona.
Pois todo cambia a partir deste xoves 13 de xaneiro de 2022. A reunión mantida entre o Secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, co o concelleiro Iván Pequeño e o responsable do CDM Piragüismo Dumbría Quique Portela, serveiu para desbloquear un enfrontamento encontrado dende hai demasiado tempo.
Ata o punto de que a Xunta informa na nota de prensa que “A Secretaría Xeral para o Deporte xa traballa na Canle de Augas Bravas no Río Xallas”. Lete Lasa lembrou que o club xa en 2014/2015 fixera unha proposta, pero o cambio de postura actual é completo: “A canle de augas bravas no río Xallas leva tempo nas nosas previsións e parece que agora danse as circunstancias para poder acometela”, declarou.
Supón esta situación un gran fito para o club dumbriés, fundado en 2008, e convertido xa nunha das referencias do deporte a nivel galego e estatal.
Cómpre lembrar ademais que o club ten xa preparado o proxecto integral, que tería unha mínima repercusión sobre uns 300 metros do curso do río.