Mércores. 08.05.2024
El tiempo

A #AxendaCostaDaMorte despide xuño a ritmo de orquesta

A #AxendaCostaDaMorte despide xuño a ritmo de orquesta
Unha fin de semana máis, a festa volve a ser a protagonista da #axenda da Costa da Morte. Chegan citas tan importantes para Corcubión e Santa Comba como as festas do San Pedro, que tamén se celebra en moitas outras parroquias da bisbarra. Pero na #AxendaCostadaMorte desta fin de semana tamén hai tempo para outras ofertas de ocio alternativas, tales como o festival de cinema que montan en Baio baixo os Premios Fouciño. E para os amantes do sol e da praia, parace que xullo non comeza con bo pé. Antes de repasar cada unha das citas máis importantes desta fin de semana, vemos o parte costeiro de Meteogalicia.

Meteogalicia

O máis destes próximos días é a inestabilidade debido á presenza de aire frío nas capas altas da atmósfera e á entrada de aire quente en superficie. Isto tradúcese en ventos do nordés, ceos anubrados e non se descarta que chegue algún chuvasco principalmente hoxe á tarde. As temperaturas para hoxe irán en aumento que estarán por debaixo dos 25 grados. Durante o sábado e o domingo continuará inestabilidade. Dende primeira hora do sábado agardanse choivas en toda a Costa da Morte polo que será un día gris. Os ventos soprarán do sur de forma frouxa. E xa o domingo, o día será similar ao do sábado, e xa pola mañá aparecerá o orballo.

Festas

  • Ponte do Porto. Esta fin de semana continúan na Ponte Porto as festas de San Pedro.
  • Corcubión celebra estes días as festas do San Pedro, unha das máis agardadas do ano para os veciños e veciñas da vila e da contorna.
  • Buxantes. Mañá e o domingo, a parroquia de Buxantes celebra as súas festas na honra a San Pedro.
  • Santa Comba. Tras o pregón de onte coa actriz Isabel Blanco, a festa continúa en Santa Comba ata o domingo.
  • Nantón. A parroquia cabanesa de Nantón celebra hoxe e mañá as festas de san Pedro.
  • Muros. En Muros celebran durante estes días as festas de san Pedro que rematan mañá sábado coa IV Noite Rock.
  • Berdoias. O San Pedro tamén se celebra en Berdoias con tres días de festa rachada, dende hoxe e ata o domingo.
  • En Couceiro (Muxía) celebran mañá as festas do Socorro cunha boa verbena.
  • Oca (Coristanco). As festas da Virxe do Corpiño de Oca son das máis importantes do ano en Coristanco. A parroquia ponse de máxima festa para dous días (sábado e domingo) de troula e devoción.

Outras citas

  • Premios Fouciño. Mañá sábado é o día grande dos Premios Fouciño. Unha mesa redonda sobre a muller no audiovisual, obradoiros, proxección das curtas do concurso, entrega de premios e un festival ao aire libre son os plans de mañá en Baio.
  • Rockin' Carballo. Un ano máis, o Rockin' converterá mañá a Carballo na capital do rock con oito bandas que farán vibrar ao público. Ao igual que o ano pasado, haberá dous escenarios.
  • Xornadas de Pesca do Pindo. Este ano, as xornadas de Pesca do Pindo cumplen a súa XIII edición, e teñen como lema “Feitos de mar”. O programa arranca hoxe pola tarde e continúa mañá durante todo o día e o domingo pola mañá.
  • Iluminación nocturna na Fervenza do Ézaro. Entre as 23:00 e as 00:00 horas de mañá sábado a Fervenza do Ézaro volverá a iluminarse.
  • IV festival Abaladeiras de Muxía.  A praza do Cabo da Vila, en Muxía, acolle mañá a partir das 19:00 horas o IV festival da A.C. Abaladeiras de Muxía no que participarán máis de 80 músicos e bailadores.
  • Retella 18. O campo dos Seixos de Tella, Ponteceso, acolle mañá a partir das 20:00 unha pinchada popular amenizada con boa música.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días durante os meses de verán (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas. Durante os domingos de xullo e agosto volven as visitas teatralizadas da man de Os Quinquilláns.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
  • Stoupa (Cee) acolle este mes a exposición “Costa da Morte”, do pintor ceense Xoanxo Cespón que pode visitarse de luns a sábado de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.
  • sala de exposicións do faro Vilán acolle ata o 30 de xuño a mostra de pintura “Arribando á Costa”, composta por unha serie de traballos adicados o mar e a natureza
  • sala de exposicións da Casa da Xuventude de Carballo acolle ata o 31 de xullo “O Bululú”; unha exposición de Miolos.

Máis información

Fonte

Comentarios