A Costa da Morte presente no libro "Falemos da nosa historia"
08:08 23/06/16
O libro recolle historias da pedra de Abalar de Muxía
A pedra de Abalar da Virxe da Barca, a noite de San Xoán, san Andrés de Teixido, Pepa a Loba, María Castaña ou Pedro Madruga son algúns dos mitos, personaxes e temáticas que se recollerán nno libros "Falaremos da nosa historia" que edita a Deputación da Coruña. A obra recolle os traballos gañadores das dez primeiras edicións do certame escolar “Falemos da nosa historia”, un concurso de redacción histórica aberto á participación de escolares do 3º ciclo de educación primaria e do 1º ciclo da ESO de toda Galicia, que dende o curso 2003-2004 convoca anualmente o CEIP “López Ferreiro” de Santiago de Compostela.
Na nómina de premiados durante a traxectoria do certame hai alumnos e alumnas de diversos centros educativos da provincia da Coruña como o IES Punta Candieira de Cedeira, o CEIP Milladoiro de Malpica, o CEIP Ramón Cabanillas ou o IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela, o CEIP de Oza dos Ríos, o IES Virxe do Mar de Noia, o IES de Ordes ou o CPI de Viaño Pequeño (Trazo), entre outros.
Coa edición deste libro, a Deputación quere apoiar un certame e un proxecto educativo pioneiro en Galicia, que estimula a curiosidade dos nenos e nenas para indagar na nosa propia historia a partir de mitos, lendas, costumes ou refráns populares e que goza dunha elevada participación do alumnado, pois en cada edición son centos os traballos que concorren ao certame dende centros escolares de toda Galicia.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña