A danza chega ás escolas


O programa “Primavera enDanza” deste ano vai moito máis alá que os catro grandes espectáculos. Este 2017, cumprindo xa os 15 anos en marcha, o festival decano de Galicia, é un dos motivos polos que o concello carballñes está á vangarda da programación cultural. E unha das razóns é a de levar a danza contemporánea ás escolas.
Nenas e nenos dos centros A Cristina, Xesús San Luís Romero, Canosa-Rus, Artai, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Fogar participarán entre o martes 18 e o xoves 20 nos talleres de danza contemporánea que impartirá a compañía Las Tricotouses. O espectáculo “Emoticores”, que ofrecerán o domingo 23, inclúe tamén unha parte pedagóxica que se desenvolverá nas aulas. “A través de dinámicas grupais, de traballo co corpo e a creatividade, valéndonos da psicoloxía e a meditación, axudaremos aos alumn@s a identificar e xestionar as propias emocións, proporcionando tamén ferramentas e orientación aos profesores sobre como abordar o traballo emocional en clase”, explican Cristina Montero e Rut Balbís, Las Tricotouses.
Os obradoiros desenvolveranse en horario lectivo: o martes 18, nos CEIP A Cristina (de 9.05 a 10.05 horas), San Luís Romero (de 10.40 a 11.40) e Canosa-Rus (de 12 a 13 horas); o mércores 19, no Artai (de 9.30 a 10.30) e no Nétoma-Razo (de 11.40 a 12.25), e o xoves 20 no Gándara-Sofán (de 10.50 a 11.50) e no Fogar (de 12.30 a 13.30 horas).
Por outra banda, a compañía de Nuria Sotelo presentará o seu espectáculo Ensaio amor no IES Alfredo Brañas, o venres 21 ás 13 horas. Ensaio amor, precisamente, abrirá ese mesmo día ás 21 horas o ciclo de espectáculos que se desenvolverán no auditorio do Pazo da Cultura. A compañía galega presentará unha peza para adultos na que, a través da música, a plasticidade dos corpos, a danza e as palabras, aborda o universo feminino e a complicidade dunha nai e a súa filla. O domingo 23 de abril, ás 18.00, ‘Primavera en danza’ achégase a toda a familia (maiores de 8 anos), con outra compañía galega, Las tricotouses, que ofrecerá en Emoticores unha proposta de carácter pedagóxico e cunha unha estética accesible, moi visual e atractiva para os cativos.