Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A mocidade usa o verán para #traballarenlingua en Carballo

A mocidade usa o verán para #traballarenlingua en Carballo
Mocidade e Lingua a debate en Carballo

Máis que interesante a proposta da Universidade da Coruña e o para aproveitar o verán con este curso #traballarenlingua.
Un curso de verán sobre dinamización lingüística #traballandoenlingua chega neste 2015 á súa undécima edición, celebrándose esta fin de semana de 8, 9 e 10 de xullo. Un encontro anual estabilizado en que nos dez anos anteriores se fixeron análises, debates, reflexións e propostas prácticas de cara á mellora do proceso de normalización da lingua galega, traballando o discurso, os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos, etc.

Por exemplo, do encontro do ano pasado, centrado na transmisión interxeracional da lingua, naceu o proxecto Apego, de socialización en galego desde a primeira infancia, xa en marcha en diferentes cidades e vilas do país.

Imaxinario lingüístico, experiencias, propostas, ámbitos de lecer…

Ao longo dos tres días o curso acollerá relatorios, debates, presentacións de experiencias, reflexións, etc. Deste xeito, o primeiro día, da conferencia de inauguración encargarase a sociolingüista e coordinadora xeral da CGENDL Valentina Formoso, que falará do imaxinario social do galego na mocidade. A continuación o psicólogo e doutor da Universitat de València, Ferran Suay, analizará, desde o punto de vista psicolóxico, que hai detrás das mudanzas de lingua na xente moza. Xa pola tarde, a xornalista Sara Torreiro fará unha análise de opinións da mocidade con respecto á lingua a partir de proxeccións de entrevistas para, a continuación, nunha sesión en que intervirán o profesor Xosé Manuel Sánchez Rei e a profesora Goretti Sanmartín, procurarmos en grupo melloras nese imaxinario lingüístico.

No segundo día do curso presentaranse diversas propostas de intervención lingüística na mocidade, como son o Clube da Lingua do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces, do que falará o dinamizador Séchu Sende; o proxecto 21 días co galego, do IES da Pobra do Caramiñal, do que falará Pilar Ponte; a Mocidade pola Normalización Lingüística, da que falará Carlos García Vieito; ou o Certame de regueifa de Vigo, no que ano tras ano participan centos da rapaces e rapazas e que presentará Marta Souto. Despois desas experiencias, a xornalista da TVG Lorena Pose moderará un debate-entrevista con divesos/as adolescentes que mudaron de lingua para o galego ou que afianzaron conscientemente este idioma, para así analizar os motivos, as razóns, as dificultades, etc.

Ese mesmo día, mais xa pola tarde, catro persoas procurarán darlle unha volta a diversos ámbitos de lecer xuvenil en galego, analizando os posibles motivos polos que non conectan coa mocidade todo o ben que nos gustaría, e propondo cousas que poderían mellorar esa conexión. Trátase da xornalista Belén Regueira, que lle dará unha volta á música, do poetarra Dani Vilaverde, que lle dará unha volta ao audiovisual, da comunicadora Raquel Pico, que lle dará unha volta á literatura, e da poeta María Lado, que lle dará unha volta o humor. Para rematar o día farase un roteiro por diversos murais de arte urbana creados no último ano na vila de Carballo, a través do proxecto Derrubando muros con pintura e mais do festival Rexenera Fest.

O último día do curso, o creador polifacético Leo i Arremecághona fará un obradoiro sobre medios e linguaxes para a normalización lingüística na mocidade, que leva por título “Non me ralles! Falamos o mesmo idioma?”. E, para rematar o curso, a costureira de internet María Yáñez falará sobre referentes e influencers para o galego.

Novos horarios das Bibliotecas

O horario de verán da Ludoteca Municipal comezou xa o 1 de xullo, e é de luns a venres de 10.30 h a 13.30 h, polo tanto, adáptase e amplíase durante os meses de vacacións para ofrecer un mellor e máis amplo servizo, para que as nenas e os nenos, acompañados das súas familias, poidan usar este espazo de xogo e convivencia infantil situado en pleno centro, fronte ao xardín municipal. Manterá este horario durante todo o mes de xullo e agosto.

Con respecto á Biblioteca Rego da Balsa, en xullo manterá os seus horarios habituais (de 10.30 h a 13.30 h e de 16.30 h a 20.30 h), e só os modificará no mes de agosto, cando abrirá só de mañá (de 10.30 h a 13.30 h).

A Biblioteca Municipal da rúa de San Xoán permanecerá aberta de luns a venres de 8.30 h a 14.30 h durante os meses de xullo e agosto.

A partir do 1 de setembro os tres servizos volverán aos seus horarios habituais.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios