luns. 12.05.2025
El tiempo

Agosto arranca cunha potente #AxendaCostadaMorte

Agosto arranca cunha potente #AxendaCostadaMorte
Comeza forte a primeira #Axenda de ocio da Costa da Morte do mes de agosto. Festas por toda a bisbarra, festivais como a Carballeira de Zas, o Castelo Rock de Muros ou o Nordestazo de Malpica, mostra de olería en Buño, promocións nos comercios de Baio e Cee,... son algunhas das principais citas desta fin de semana. Pero antes de repasar as citas, traemos o parte costeiro que nos mandan os amigos de 4 gotas, para esta fin de semana que parece que vai ter un pouco de todo:  O venres amencerá con orballos que irán a menos e na tarde, especialmente entre Muros e Fisterra lucirá o sol e se achegarán aos 24ºC. A noite do venres volverá a cubrirse o ceo e acabará por orballar outra vez na madrgada do sábado. Amencerá aínda con algunha pingueira e na tarde volverá a repetirse a situación do venres. Na noite do sábado podería chegar a orballar algo nos arredores de Malpica, pero no domingo predominará o sol en toda a Costa con 23-24 graos no litoral norte e 25-26 no interior e litoral oeste. Será un día de praia, especialmente ao sur de Fisterra.

Festas

  • En Quintáns (Muxía) celebran dende hoxe e ata o domingo as festas na honra de san Isidro. A música non faltará así como tamén a tradicional danza de espadas, que será o domingo despois da misa solemne.
  • Dende hoxe e ata o domingo, Camelle estará de festa na honra do Carme. Haberá moita música combinada cos actos litúrxicos.
  • Mañá e o domingo Santa Comba celebra as festas de San Salvador. Ademais das misas, actuarán o dúo Rosán e o grupo Fama.
  • Tamén na parroquia xalleira de Freixeiro están esta fin de semana de festas. Haberá moita música a cargo das orquestas Beiramar, Zeltia e Imperium.
  • Festas do Sacramento en Lires. A parroquia ceense de Lires celebra mañá e o domingo as festas do Sacramento con moito verbeneo.

34 Festa da Carballeira de Zas

  • Os Fillos do Estramonio, Gwendal, Korpiklaani, Pan de Capazo, sesión vermú, foliada, Radio Cos, Milladoiro, Moxie, Rare Folk,... e moito máis na Festa da Carballeira de Zas. Os concertos xa comezan esta noite a partir das 21 horas e mañá será o día grande.

Mostra de Olería de Buño

  • Dende hoxe e ata o vindeiro 13 de agosto, o parque Luciano García Alén acolle a Mostra da Olería. As casetas estarán abertas de 11 a 14 e de 17 a 21.00 horas, haberá unha exposición do fotógrafo Peter Schneider e moitas actuacióins musicais ao longo dos 10 días de mostra.

Punto Rojo en Baio

  • Dende hoxe e ata o domingo, os comercios e a hostelería de Baio ofrecen descontos, tapas mercadillo e moitas máis actividades dentro da campaña de promoción do comercio local "Punto Rojo", organizada pola asociación de Empresarios Comarca de Soneira.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 20:30 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas. Visitas teatralizadas. Todos os domingos de xullo e agosto ás 13 ás 17 horas os personaxes Roi e Elvira relatan o pasado do castelo.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. Visita guiada e demostración do funcionamento dos batáns e muíños todos os sábados e domingos ás 13h e ás 18h.
  • Sala Antón Mouzo. A artista Teresa Candal expón Matriz, unha mostra pictórica "metáfora do nacemento" na que o corpo da muller é o protagonista. Pódese ver na Sala Antón Mouzo, na Casa da Cultura de Vimianzo, até o 20 de setembro. O horario en agosto é de luns a venres de 9 a 15h; e en setembro de luns a venres de 9 a 20h e os sábados de 9 a 13h.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días (de luns a venres de 11 a 20 horas e sábados e domingos de 11 a 21 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas. O domingo, ás 19:30 horas, haberá visita guiada teatralizada da man de Os Quinquilláns.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas. Os Quinquilláns guiarán as visitas teatralizadas todos os sábados do mes de xullo e agosto ás 17:30 e ás 19:30 horas.
  • museo Man de Camelle poderase ver ata o 15 de agosto unha exposición da escola de Arte de Vimianzo. O horario de apertura é de martes a domingo de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Outras citas

  • Festival Castelo Rock de Muros. O rock nacional e algunhas das mellores bandas emerxentes galegas citaránse hoxe e mañá no escenario do Festival Castelo Rock de Muros que vai xa pola súa XIV edición.
  • Nordestazo Rock. Os amantes do rock teñen mañá unha cita co Nordestazo Rock de Malpica de Bergantiños. Novedades Carminha, Arizona Baby, Banda Crekinsky, Los Labios, entre outros, serán algunhas das citas que se darán cita mañá na zona da praia de Canido.
  • Semana Cultural en Zas. Continúan as actividades culturais organizadas polo concello de Zas que se enmarcan dentro da Festa da Carballeira. Hoxe haberá música e contacontos para os máis pequenos, un curso de inicación ao baile tradicional e un obradoiro de creacións con pasta de modelar. E tras o festival folk por excelencia da Costa da Morte, o programa cultural de Zas péchase o domingo coa proxección de "El Desconocido" que será ás 22 horas na praza do concello.
  • Sinatura de libros en Ponteceso. O novelista Juan Prieto asinará esta tarde exemplares da súa última novela, "La primera meiga".  Xa se venderon máis de 2000 exemplares en papel e foi número 1 en vendas en Amazon.
  • Roteiro ornitolóxico e presentación dun libro en Cabana. A casa de Vela de Cabana será hoxe o punto de partida do roteiro ornitolóxico guiado por José Luis Rabuñal que comeza ás 18 horas. A continuación, Rafael Lema presentará aquí o libro "Costa da Morte, crónica marítima".
  • Xornada de deporte e cultura no Esteiro do Anllóns con actividades para nenos, sesión ornitolóxica, literaria, gastronómica e musical. A cita comeza a partir das 15:30 horas.
  • Concerto no Semáforo. Hector Lera & uns Calquera tocan hoxe, a partir das 20:30 horas, no Semáforo de Fisterra.
  • Cine infantil en Corcubión. Mañá, a partir das 21 horas, o Campo do Rollo de Corcubión acolle unha sesión de cinema na rúa para os máis cativos coa reproducción do filme de animación “Maimiño e o espello máxico”.
  • Festa do comercio de verán en Cee. Mañá e o domingo, os comercios de Cee saen a rúa na 1ª festa do verán-outet libre.
  • Mercado Pirata de Laxe. Durante toda a fin de semana Laxe convertirase nun mercado Pirata.
Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Comentarios