Alumnos carballeses que falan dicindo

Espectacular este proxecto do Club de Debate. Arredor de 200 rapaces e rapazas traballando argumentos, razoando ideas, defendendo propostas. Arredor de 20 profes axudándolles e apoiándoos/as no seu tempo libre. 23 equipos participantes nas fases de zona, 6 finalistas e todos gañadores.

Que non nos extrañe ver, dentro duns anos, a estes rapaces xa de maiores levando o peso do pais. Argumentos e ferramentas para expandilos van collendo con esta iniciativa na que participan 9 concellos de Galicia, entre eles varios carballeses. 3 equipos de alumnos carballeses participaban na Fase de Zona do Club de Debate e só o do IES Parga Pondalse metía na final. Unha final na que o tema de debate era a herdanza do galego e que utilizou o hastag #‎nontodoéfume para deixar claro que se pode falar dicindo cousas, non coma nos teñen acostumados os políticos de hoxe en día.

A final galega tiña lugar esta pasada fin de semana no Pazo da Cultura de Carballo. 6 institutos de Rois, Pontevedra, O Carballiño, Padrón, Negreira e o Parga Pondal de Carballo, debateron sobre esa idea: "Herdamos o galego, temos que transmitilo”. Finalmehte, o equipo gañador do Club de Debate 2015 foi O IES n.1 do Carballiño, pero deu gusto escoitar a todos os participantes. E se non, aprendan:


Unha guía de recursos para a mocidade

E seguindo en clave estudiantil, cómpre falarmos da nova Guía de recursos para a mocidade elaborada polo Concello de Carballo a través da Concellaría de Mocidade e que vén de ser presentada o pasado venres 24 de abril, dentro da Semana das Artes e das Letras do IES Alfredo Brañas.

REC é unha completa guía que recompila en 28 páxinas todo tipo de recursos, cun deseño no que priman a cor e a simboloxía asociada á música. Pero o máis importante da publicación é o seu contido e a descrición detallada de todos os servizos existentes para mozos e mozas de entre 14 e 30 anos. Así, por exemplo, dáse conta da existencia da Escola Oficial de Idiomas, a Aula de Teatro, as salas de exposicións, a Aula de Informática, os locais de ensaio ou o Conservatorio Profesional de Música, todo ilo no Pazo da Cultura. Pero tamén de recursos menos coñecidos, como todos os que ofrecen os Servizos Sociais municipais ou o Centro de Información á Muller para estas idades, ou o propio Museo de Bergantiños, que moitos dos asistentes á presentación recoñecían descoñecer. Precisamente para paliar esa falta de información farase unha distribución masiva da guía de recursos, cunha primeira edición de 3.000 exemplares, e tamén se difundirá en formato dixital a través de Internet nas páxinas web do Concello de Carballo e Turismo Carballo e nas distintas redes sociais dos servizos municipais.

REC tamén inclúe información sobre recursos non municipais, coma o Espazo Xove da Xunta de Galicia ou o centro de información A Xanela, vinculado á parroquia. Ademais, conta cun apartado dedicado ao voluntariado, con iniciativas sociais abertas á colaboración da mocidade. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou na presentación de hoxe que o importante é que cada mozo e cada moza poidan buscar e atopar recursos para facer o que lles gusta.

Novas relacionadas

Máis novas relacionadas

Bo exemplos escolares

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • Servizo de Normalización do Concello Carballo.
Etiquetas