Xoves. 28.03.2024
El tiempo

“Gústame aprender galego”

“Gústame aprender galego”

”Por motivos laborais”, “para aprenderlle a cultura galega aos fillos”, “porque é a lingua do meu avó, para coñecer as letras dos grupos musicais”, “para axudar á filla a facer o deberes”, “para ser máis de aquí”… Ou “para poder ler Quepasanacosta!".
Estas son algunhas das causas polas que queren aprender a nosa lingua veciños carballeses chegados de Rumanía, Venezuela, Colombia, Uruguai, Chile, as Canarias, Cataluña…

E para iso, ademais de practicalo nunha zona na que eminentemente se fala en galego, aproveitan o Obradoiro de integración lingüística e cultural en Carballo “Que rápido aprendiches a falar galego!”. Un Obradoiro enfocado á xente que procede de outras culturas, de outras linguas, e que quere integrarse a través da lingua:

”Non naciches en Galicia e apetéceche coñecer costumes de aquí ao mesmo tempo que dás a coñecer os teus? Queres saber que é un carballo, o agarimo, a troula ou o polbo? Gustaríache coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para acceder mellor a un traballo aquí? Gustaríache que che dixesen: “Que rápido aprendiches a falar galego!”?

Así anima o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo a anotarse ás persoas nacidas fóra de Galicia, para espertarlles o seu interese en participar nunha nova edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural que organiza, co obxectivo de que comecen a ser novas galegas e novos galegos e a ter un primeiro contacto formativo coa nosa lingua e cultura, o que lles pode ser de grande utilidade para, por exemplo, acceder ao mundo laboral ou coñecer mellor a nosa sociedade.

Neste obradoiro práctico, que terá lugar entre o 11 de febreiro e o 3 de abril de 2014, desenvolveranse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa. As sesións terán lugar os martes e xoves de 17.30 h a 19.30 h. A inscrición, que é gratuíta, pode facerse en horario de mañá no Servizo de Normalización Lingüística, tanto acudindo ao Pazo da Cultura como chamando ao teléfono 981 704 304. O prazo está aberto ata o 4 de febreiro.

Obradoiros coma este xa se veñen realizando en Carballo desde o ano 2005, cunha moi boa acollida e con bos resultados.

Datos e datas do Obradoiro de integración lingüística e cultural

Gustame o galego en Carballo
  • Datas Do 11 de febreiro ao 3 de abril de 2014, os martes e xoves.
  • Horario De 17.30 h a 19.30 h.
  • Prezo Gratuíto.
  • Prazo de inscrición Ata o 4 de febreiro.
  • Lugar de inscrición e + info: Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Pazo da Cultura. Rúa do Pan s/n. Carballo. 981 704 304 [En horario de mañá].

Novas relacionadas

Comentarios