Arranca o Fisterra Experience con grandes nomes da música galega e con outros emerxentes

No centro da paisaxe na que quere inscribirse o Fisterra Experience celebrou onte o seu acto de presentación para poñer en marcha unha fin de semana de música, natureza, cultura nun territorio único que no festival quere poñer en valor. Na presentación participaron a alcalde de Fisterra, Áurea Domínguez, o Director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o delegado de Estrella Galicia, Roi F. Mouzo e a coordinadora do festival, Paula González.
Os catro coincidiron en sinalar a singularidade do festival en relación coa do espazo no que se celebra. Unha conxunción de cultura e terriorio que Fisterra Experience quere que se entenda como o sinal de identidade do evento. Para o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, “este festival forma parte da programación dos concertos do Xacobeo e ten como fondo este espazo único que o converte nunha cita singular entre todos os que se celebran en Galicia”.
Para a alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, o Fisterra Experience “é unha experiencia moi gratificante e que, ademais, conta este ano con moito talento noso do que estamos moi orgullos no concello”. A alcaldesa engadiu que un festival tan grande e tan difícil de organizar merece que “todo o pobo poida disfrutar del” de todas as súas actividades e da música”.
Festival Sustentable

Para Paula González, coordinadora do festival, a identidade do Fisterra Experience é unha combinación “de música, territorio e paisaxe”, con unha programación “concebida para axeitarse a este espazo”. González apuntou tamén que Fisterra é un dos primeiros festivais co selo de sustentable “para profundizar nas prácticas de xestión sustentable e para subliñar a relación entre cultura e territorio”.
Fisterra Experience celebra unha nova edición os días dende hoxe e ata o domingo consolidándose como un festival único onde a música e o territorio dialogan en harmonía coa natureza. Ao pé do cabo máis occidental de Europa, a programación mestura vangarda e tradición, nunha contorna de enorme simbolismo e beleza.
Esta edición contará con artistas como Baiuca, A Pedreira, Helena Egea, MFC Chicken, Mondra ou Phonorama, entre outros, e incluirá tamén concertos en barco, pasarrúas ou xogos populares. O evento desenvolverase en escenarios emblemáticos como o Faro de Fisterra, a Rúa da Foliada, a Praza da Constitución, o Lugar de San Roque e o Semáforo de Fisterra.
Fisterra Experience destaca por ser un festival non masificado, sostible e integrador, recoñecido co selo BGreenly de Evento Sostible. O informe da entidade certificadora salienta a súa aposta pola calidade, o impacto positivo na vila, o compromiso ambiental e o fomento da comunidade local como sinais de identidade.
As entradas xa están dispoñibles en enterticket.es, con opcións para abonos, entradas de día e acceso a concertos especiais como “Música a bordo”, navegando fronte ao cabo ao son de Sabela & The Heartbreakers.