Sábado. 12.10.2024
El tiempo

As cifras do FIOT: 10.000 espectadores, 99 actividades, 14 estreas para un 8 sobre 10

As cifras do FIOT: 10.000 espectadores, 99 actividades, 14 estreas para un 8 sobre 10
O Pazo da Cultura encheuse varias veces para o FIOT Carballo 2015 O Pazo da Cultura encheuse varias veces para o FIOT Carballo 2015

Os organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) fixeron este sábado unha valoración das principais magnitudes e fitos da súa 24ª edición, celebrada o pasado mes de outubro. O presidente da Asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, valoraron moi positivamente todo o que este programa xera para Carballo, e as cfiras falan por so soas "afianzando o festival como unha das referencias teatrais máis importantes de Galicia, tal e como o demostra o alto nivel do programa ofrecido, o respaldo que o público ofrece ao Outono de Teatro, o recoñecemento de distintas entidades e axentes culturais, así como a importante cobertura dos medios de comunicación".

Máis de 10.000 persoas partiparon nas actividades, enchendo case todos os espectáculos e esgotando as entradas para varios espectáculos nas primeiras horas da súa posta á venda.

O Festival, que contou coa indispensable colaboración de 20 voluntarios, serviu para que Carballo recibise a visita duns 100 artistas (intérpretes e directores) e técnicos de diferentes compañías, que manifestaron o seu agradecemento polo acollemento e polo trato recibido.

Pódese así facer un paralelismo así entre a calidade do Festival e a nota que deron os espectadores aos 13 espectaculos programados, dándolle un notable, un 7,9 sobre 10, á programación.

Blanca Portillo, premiada polo público

O espectáculo mellor valorado polos espectadores foi “El testamento de María”, protagonizado pola coñecida actriz Blanca Portillo e coproducido polo Centro Dramático Nacional, Festival Grec e Avance Producciones Artísticas, ao obter unha puntuación de 4,65 puntos sobre 5, é dicir, un 9,3 sobre 10).
A compañía gañadora será invitada a participar nunha vindeira edición cun novo espectáculo. As seguintes obras en puntuación foron “Othelo”, da compañá Gabriel Chamé, e “Los esclavos de mis esclavos”, de Producciones Meridional, que ademais foi unha das estreas absolutas da mostra carballesa.

Case 100 actividades e 14 estreas

Entre o pasado 25 de setembro e o 31 de outubro, a 24ª edición do FIOT convertiuse na capital das artes escénicas de Galicia, ao desenvolver unha intensa actividade cun total de 99 actividades con 34 espectáculos programados. Destes, 13 foron espectáculos do programa de sala (9 do xeral e 4 do Ciclo OTNI); 3 espectáculos de rúa; 1 infantil; 17 do ciclo da XVII Rúa dos Contos e outras 38 actividades complementarias como o “Café con...”; o XV Concurso Escolar de Teatro Lido; a actividade infantil de achegamento ao teatro, o Fiotiño; o Programa Voluntariado; o Premio do Público ou o galardón o Xograr de Outono, que recau en Susana Dans; a Escola do Espectador; o Taller de Humor para Torpes ou Dálle un bocado ao FIOT.

En total, houbo 14 estreas, das cales catro foron absolutas (unha no programa de sala e tres na Rúa dos Contos) e dez foron estreas exclusivas en Galicia. No caso destas últimas, catro foron no programa principal, tres no Ciclo OTNI e outras tres na Rúa dos Contos.

Ampla repercusión mediátiva

A ampla programación e elevada participación dos espectadores no festival tivo tamén o seu eco na repercusión mediática, que aumentou un 4,6% respecto ao ano anterior, acadando case 4,5 millóns de impactos (persoas alcanzadas polas novas), segundo os datos de medición de audiencias. Este gran seguemento acadouse a través da publicación e emisión de case 300 pezas informativas procedentes de máis de 50 medios de comunicación distintas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios