luns. 12.05.2025
El tiempo

Axenda de vertixe para a primeira fin de semana de agosto

Axenda de vertixe para a primeira fin de semana de agosto
Axenda Costa da Morte 1gosto2013

Temos de todo esta primeira fin de semana na #AxendaCostadaMorte. Dende dous tremendos de festivais, multitude de festas patronais, gastronómicas, concertos, roteiros, teatro, motos, libros, mostras

Noites festivaleiras

A Axenda festivaleira do verán ten dúas citas imprescindibles esta fin de semana. E comezamos pola decana, a XXX Festa da Carballeira de Zas. Unha Carballeira que cumple 30 anos cheos de anécdotas, achegando a mellor música folk do mundo á Carballeira de Velar. Iso será a noite do sábado, pero ollo que o venres hai máis cousas no peche da Semana Cultural de Zas.

E cambiamos folk por rock e a carballeira de Zas polo peirao de Muros para disfrutar de dúas noites de caña no X Festival Castelo Rock con bandas referentes do rockandroll español de todos os tempos.

A Mostra de Olería de Buño

Entidade propia ten esta XXX Mostra de Olería de Buño que tamén cumple 30 anos e que precisamente se inaugura este venres 2 de agosto. Serán 10 días de actividades, exposicións, demostracións en vivo, teatro, música, obradoiros… todo coa intención de seguir convertindo a olería de Buño nun referente da artesanía e do deseño galego.

Vai de libros

Entre as propostas que facemos, cómpre falar da II Praza dos Libros de Muxía, na que Editores de Compostela e a Fundación Gonzalo López Abente convertirán a vila da Barca nun auténtico mercado libreiro.

De sesións vermú e verbenas

Como non pode ser doutro xeito, primeiros de agosto e temos festas por todas as esquinas. O venres teremos as Festas de Sanfins de Cambeda e mais as Festas de Carantoña, en Vimianzo, e as Festas de Eirón, en Mazaricos. Pero teremos o ollo posto no Ézaro, onde unha espectacular Noite Herdeira abrirá a golpe de rock a MultiFesta da Praia, que acollerá no areal dumbriés campionatos deportivos de primeiro nivel, acompañados das mellores verbenas durante a fin de semana.

Festas gastronómicas e moteiras

A fin de semana é das esperadas en Fisterra, onde se celebrará a XXII Festa do Longueiron de Fisterra, unha das citas gastronómicas máis exquisitas do ano.

Temos que engadirlle ademais unha singular, sen dúbida, onde o ruxir dos motores se fará escoitar. Falamos da XXVIII Motofesta Ponteceso.

Citas culturais

Hai que apuntar tamén unhas poucas citas culturais en tempos de troula, como a doble sesión de Malpica, con noite de cine o venres e noite de teatro o sábado.

Temos tamén un concerto na praia do Lago, e dúas citas en clave de folclore: o III Memorial Manuel Rebollar, cun concerto de bandas municipais en Cee; e X Festival Cantatella, con corais de toda a zona en Ponteceso.

O sendeirismo nunca falla

E para pechar, xa en domingo, ademais das festas que seguen en marcha, temos dúas ocasións para disfrutar da nosa natureza. Por un lado, unha nova ruta por Malpica e máis ao sur, unha cita importante: Última etapa do Camiño dos Faros, que servirá para poñer o broche a máis de dous meses unindo por un sendeiro pegado ao litoral, e a pé, Malpica con Fisterra.


Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios