Martes. 16.04.2024
El tiempo

30 anos de anécdotas e do mellor folk do mundo na Carballeira de Zas

30 anos de anécdotas e do mellor folk do mundo na Carballeira de Zas
30 anos da Festa da Carballeira de Zas

30 anos son moitos. e por algo falamos do Festival decano da Axenda Sonora da Costa da Morte. En plena Semana Cultural de Zas, seguimos quecendo motores para a XXX Festa da Carballeira de Zas, unha das citas imprescindibles para os amantes da música folk da Costa da Morte, e de toda Galicia. Así, a Carballeira de Velar prepárase para recibir xentes de todas as idades, que chegan para disfrutar de bandas referentes a nivel mundial no panorama folk.

Ademais dan bo tempo para a fin de semana a pesar de que iso non soe ser un problema, pois os siareiros da Carballeira poden coa chuvia, co vento e ata cas mareas.

Coa Exposición XXX anos de Carballeira aberta e coa provincia completamente empapelada cos carteis da Carballeira, falamos con Lupe Nieto, presidenta da organizadora A.C. Castro Meda, recordando algunhas das anécdotas máis curiosas destes 30 anos de historia.

Numeroso público ateigou a fermosa Carballeira de Velar na Festa da Carballeira de Zas 2012

"30 anos de anécdota tras anécdota"

Dan para moitas historias 30 anos. E así Lupe explícanos que en plena voráxine festivaleira, "moitas veces, o festival acaba desbordándote". Así acontecen cousas como a que lle pasou a unha rapaza da organización que gardaba a zona odos grupos. Por aí chegou un home que lle preguntou: - "Mira, perdoa, podería pasar para falar con Budiño?", - "Síntoo moito, pero esto é a zona de organización e non se pode pasar", contestoulle a moza. - "Xa, pero bueno, é que eu son músico e me gustaría falar con el", insistiu humiledemente o home. - "De verdade, que non, que non se pode pasar", mantívose firme. - "Xa imaxino, pero é que son cantante", insistiu unha vez máis. - "Si si, un bo cantante...". E cando o home desistía, a rapaza virouse e un dos seus compañeiros preguntoulle: "Que quería Amancio Prada?"... e a moza quixo que a carballeira a tragase".

Outra historia boa foi protagonizada por Beto Roget, unha das novas Firmas QPC. Achegouse á barra, e lle dixo a Rosa, unha compañeira, que eran Os Cempés, e querían unha copa. "Xa xa, pídelle o ticket". E el insistía, namorado da banda, que querían unha copa. E Rosa veña a recordarlle o "moi ben moi ben, pídelle o ticket". Beto non podía crelo, antes os seus ídolos, e Rosa que non quería darlle unha copa. "Os músicos teñen ticket que lles da Lupe", insitía Rosa, ante a desesperación de Beto. "I é que en plena festa, cada un vai ao seu, porque isto desborda a calquera", repite Lupe.

Unha das anécdotas máis divertidas ten que ver co tempo, i é que se cadra pasamos dous anos sen chover, e iso xa é nova. "De todas maneiras sabemos que a xente vén igual", apunta Lupe. "De feito, lembor a historia do tobogán, que sempre, cando chove un pouco se forma, e os rapaces se embadurnan na lama para tirarse polo tobogán natural. Recordo un ano que non choveu, pero que pasando por alí vin que había un tremendo de charco. Preguntei se habería algún cano estropeado que provocara o charco, pero nada, eran as pandillas que como non chovía estaban tirando auga e cervexa para construir o tobogán".

O Xerro pantasma

Xa poden ver a exposición dos XXX anos da Carballeira

E mentres, xa podedes achegarvos pola Exposición XXX anos de Carballeira, e facervos cun xerro dos anos pasados. E precisamente este ano vai haber sorpresa cos xerros. I é que como nos conta Lupe, "hai un xerro pantasma, un xerro que existiu pero que ninguén o ten. Ou alomenos que ninguén sabe que existe. Eu descubrino non hai moito, cando lle preguntei ao meu avó que era aquel xerro. Foi o primeiro que se fixo para a Carballeira, contoume, pero ninguén o sabe porque daquela non se rotulou".

Deste xeito, e como detalle, a organización vai facer o propio deste ano, e ademais unha edición especial dese primeiro xerro pantasma da Carballeira, para que todos os amantes o poidan ter nas súa casas.

Dúas noites de música, unha de troula

A música xa comeza o venres 2 de agosto, cando a partir das 22:00h comeza o pasarrúas do Grupo Tradicional O Pichote da Gandaina. A partir da media noite actuarán Saldos Negativos, Peregrino Gris de Costa Rica e Tátara Trío. Será nunha carpa situada ó lado do Centro Social.

Pero a gran cita, a gran noite, é a do sábado 3 de agosto. A Carballeira de Zas xa abrirá os seus carballos e colitros pola tarde coa tradición demostración de baile da organizadora A.C. Castro Meda, ademais da Banda de gaitas Estivada de Calo. De contado, e para unir a golpe de albaroque a tarde e a noite, Os Viqueiras de Ordes farán festa a pé de Carballeira.

A partir das 22:30h comezará a saltar ao escenario escenario o vasco Xabi Aburruzaga. Seguiránlle os galegos Berrogüeto, empeñados nos últimos tempos en tocar en Zas. Despois dos galegos, tocaralle o turno ao virtuoso escocés Rua Macmillan. E serán os viquingos aragoneses Lurte, autocatalogados como folk duro, tendo en conta que no último cedese colaborou Barón Rojo, os que poñan un fin de festa ben bravo. Ollo con estes, que veñen con gañas ata de meter unha man, coma fixeron os escoceses Clan Andruma, tamén moi viquingos.
4 bandas de primeira orde para seguir situando á Festa da Carballeira como unha das citas folqueiras máis importantes do mundo.

"A Festa da Carballeira atrápate"

Eiiii Carballeira!!!

Máis información

Novas da Carballeira

Novas festivaleiras

Por vivir: Xa vividos:

Outras novas festexeiras

Fonte

Comentarios