#AxendaCostadaMorte: Fin de semana de teatro, música e algunha festa


Nova fin de semana e a costa de xaneiro segue notándose pola baixada de citas na www.axendacostadamorte.com. Esta finde poderemos pasar polo Museo das Catástrofes encallado nas rochas da Punta do Boi, ou poderemos facer algunha que outra cousa.
Pero antes imos ver o parte meteorolóxico de 4gotas:
A fin de semana virá marcada por dúas borrascas. Serán moi pequenas, pero pasarán moi preto de Galicia. Serán deses días nos que haberá que falar de probabilidades de que ocorra algo, xa que non se poderá afirmar á que hora chegará o chuvasco, o intenso que será ou mesmo se chegará a caer nunha determinada localidade.
Os tres días serán semellantes en canto ao estado do ceo. Momentos con claros, despois un chuvasco, e algún deles será bastante intenso e pode vir acompañado de saraiba e dalgunha treboada illada.
Cada día teremos un chisco máis de frío. O domingo ademais con vento do forte do norte, a sensación de frío será aínda maior, con máximas que apenas superarán os 10ºC na Costa.
E comezamos con dúas citas para a noite do venres. A primeira en clave de humor co monólogo de Carlos Blanco en Carballo, un dos máis grandes monologuistas do país. Despois poderemos ir ata Fisterra para ver o Concerto dos Killer Cats, banda carballesa que levará o seu rockabili á fin da terra.
O sábado comeza con sesión cultural, ca Presentación da revista Thaumazein en Carnota ou a cita teatral con Baobab Teatro en Muros. Ademais, teremos tamén a ocasión de ver o monólogo de Víctor Grande en Carballo.
Pero haberá festas, como as Festas de San Blas de Pedrafigueira, que traerán á orquestra Acordes a Carnota.
Para o domingo, non se perdan o Festival Adisbusmur en Muros, con todas as actuacións dos usuarios do centro.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).