![]()
Arranca o
Verán Cultural de Carballo; un programa cargado de actividades de gran calidade. “Non creo que haxa outro pobo con tanta oferta cultural como Carballo. Podemos estar orgullosos”, asegurou Chano Calvo que participou en representación da fundación Luis Calvo Sanz, na presentación do programa de actividades organizadas pola concellería de Cultura para os meses de xullo e agosto. O Verán Cultural saíu á rúa xa desde o primeiro momento, xa que a rolda de prensa celebrouse onte xunto á palmeira do Xardín Municipal. Como dixo o alcalde, Evencio Ferrero, “o verán é para estar na rúa, coa familia, cos amigos, e para gozar dos espazos abertos, das prazas, das nosas ágoras”.
Capercaillie, María do Ceo, Roi Casal, Guadi Galego, Pablo Díaz, Budiño, Mercedes Peón, Desastronauts, o Mago Dani e ducias de grupos de música e baile tradicional desfilarán polas nosas rúas e polo escenario da Praza do Concello, que será o principal punto de referencia de toda a programación.
![presentacion-veran-cultural]()
Onte presentouse en Carballo o programa do Verán Cultural
Este ano comeza con forza e hoxe xa se inaugura a
Praza dos Libros co pregón de Manuel Rivas e as primeiras das máis de vinte actividades que se desenvolverán no corredor central do Xardín Municipal desde o xoves de mercado ata o domingo de feira. Presentacións literarias, música, teatro, sinaturas de libros e tamén gastronomía acompañarán as casetas de venda dos libreiros e libreiras, que son os grandes protagonistas. E coincidindo con este “frenesí cultural” ao que se referiu o alcalde, chega unha nova edición do Festifolk este sábado 8, con Vinteenbaio, Druídas da Rolda, Xacaradaina, gaiteiros de toda a Costa da Morte e a banda celta Capercaillie, que ofrecerá en Carballo o seu único concerto en Galicia coincidindo co 30º aniversario da creación do grupo.
Aínda que a música é a gran protagonista, este Verán Cultural tamén traerá as acrobacias aéreas de Desastronauts, o “Código 00” do Mago Dani, 20 proxeccións de cine ao aire libre, exposicións e festas de todo tipo en todo o concello.
Máis información
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo