Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Carballo prepara un Nadal de teatro, maxia e música

Carballo prepara un Nadal de teatro, maxia e música
Postal de Nadal de Carballo Doutro nivel son os programas culturais do Concello de Carballo. Non nos chega a Axenda para completar todas as citas que veñen de preparar para este Nadal. Un Nadal que sempre comeza cos concursos de carteis e postais, con cuxos traballos gañadores o Concello felicita as festas cada ano aos veciños. Nesta edición participaron 1.170 alumnos e alumnas de nove colexios de infantil e primaria. Así o gañador do Cartel foi Lucía Vieites Lorenzo, de 11 anos, alumna do CEIP Bergantiños; mentres que Niccol V. Chávez Budiño, de 10 anos, alumna do CEIP Xesús San Luís Romero, vendeu o da postal. Houbo moitos máis premiados e este mesmo sábado ás 18:00h terá lugar no pazo da Cultura o acto de entrega de premios, que terá acompañamento musical da man do recital Cantos de Nadal, do Coro Vagalume e o Coro O Candil.

Noitiñas de Nadal

As Noitiñas de Nadal (o 21 de decembro, ás 21,00 horas) son outra das actividades destacadas do programa. As cantareiras e cantareiros das asociacións Arume de Berdillo, San Campio de Cances, O Candil e Nemeth volverán a levar as melodías propias destas datas ao adro da igrexa San Xoán Bautista, a Praza do Concello e a rúa Coruña.

Nadal Pequespectacular

Outra das propostas máis salientables do Nadal Cultural 2018 é o Nadal Pequespectacular, xa con 16 edicións. Este ano reunirá no Pazo da Cultura, ás 18.00 horas, tres excelentes espectáculos de teatro, música e maxia. As entradas poderanse mercar por anticipado en www.ticketea.com, do 12 ao 28 de decembro, ou no teléfono 902 044 226 (de 9.00 a 22.00; máximo 4 por persoa). A venda directa será na billeteira do Pazo dos días de función, desde as 16.30 horas. -O mércores 26 de decembro a compañía rioxana El Perro Azul Teatro presentará Peter Pan y Wendy. -O xoves 27 o mago Cayetano Lledó ofrecerá a súa versión, en clave de ilusionismo, de Sherlock Holmes. -E o venres 28 será a quenda para o concerto “Cancións para desafinar”, do grupo A Gramola Gominola, unha das mellores bandas de rock infantil, á fronte da que está un vello coñecido do público carballés, Paco Cerdeiras (Pakolas).

Outras citas

O Nadal Cultural 2018 inclúe a visita do Apalpador á Biblioteca Rego da Balsa (20 de decembro, 19.00 horas), bailes para os maiores amenizados por Rocío Pérez e Sintonía da Coruña (no Pazo da Cultura, ás 18.00 horas, o 23 de decembro e o 13 de xaneiro) ou Mercarte, a exposición e obradoiros de artistas de Carballo que organiza a Asociación Crea Formas (Mercado de Abastos, 21, 22 e 23 de decembro).

Cabalgata

Coas Cabalgatas de Reis rematará o programa. Este ano serán nove as que percorrerá todo o municipio para que os nenos e as nenas volvan ocupar as nosas prazas e rúas e a divertirse e ilusionarse coa chegada dos Magos.

Comentarios