Carballo por eTapas promocionará os produtos da horta de Bergantiños


Menudas xornadas gastronómicas que están armando en Carballo. I é que ademais de incluir a 21 establecimentos, mellor marca conseguida, a aposta é polos produtos da casa.
A iniciativa promovida por Axober está a resultar todo un éxito. A demanda foi tan alta que nalgúns locais chegaron a esgotar as existencias e tiveron que tirar do enxeño para preparar tapas alternativas para os seus clientes. A valoración da primeira fin de semana por parte dos hostaleiros é moi boa, e os clientes tamén amosaron maioritariamente a súa satisfacción.
Se a pasada fin de semana foron máis de 6.000 tapas servidas, elaboradas con atún Calvo, esta segunda e última fin de semana chega máis que apetitosa. E desta volta tocan produtos da horta de Bergantiños.

A partir de mañá, os 21 locais volverán a servir tapas moi especiais a 1 euro, e neste caso contribuirán á promoción dos produtos da horta de Bergantiños, grazas á colaboración da EFA Fonteboa e do GDR Bergantiños. A oferta de Carballo por Etapas concéntrase en dous momentos da xornada: de 12.00 a 14.00 horas, pola mañá, e de 20.00 a 22.00, pola tarde.
Con ese mesmo horario estará en servizo o tren turístico cedido polo Concello de Cabana, que fai un percorrido por todos os establecementos. Este medio de transporte tamén tivo unha enorme demanda a fin de semana pasada. Os dous vagóns foron cheos practicamente en todas as viaxes, o que supón unha intensidade de uso de preto de 400 persoas ao día.
Ao igual que a semana pasada, Axober levou a cabo hoxe, aproveitando o mercado semanal na Praza do Concello, un reparto de trípticos informativos sobre Carballo por Etapas. A publicación recolle todas as características da ruta, patrocinada polo Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e Conservas Calvo, e na que participan A Barra Bar, A Cervecería de Luis, Bodegón O Pescador, Café bar Manaus, Cafetería Abastos, Bar Embajador, Bar Ginebra, Cervecería Ágora, Beos Coruña, La Bombonera, A Cabaña, As Viandas, Restaurante Caracola, Casadela, El Hórreo, Mesón do Pulpo, O Xabarín, A de Pako, O Mexillón, O Casino y Pizzería Vesuvio. Con cada tapa, os clientes recibirán un rasca co que poderán optar a varios premios directos: gorras, camisetas, botellas magnum ofrecidas por Bodegas Carballo e tapas. En total hai máis de 1.000 premios.

Novas relacionadas
- Carballo por etapas: Quedamos para comer Carballo por etapas.