Venres. 26.04.2024
El tiempo

Dúas proxeccións poñen en marcha o Carballo Interplay

Dúas proxeccións poñen en marcha o Carballo Interplay
A quinta edición do festival de contidos dixitais de Carballo, o Off Interplay, quenta motores con dúas proxeccións de curtametraxes na biblioteca Rego da Balsa. O xoves 15 de febreiro, ás 19 horas, Jorge Boquete e Oscar Cruz, da produtora Porco Bravú, apadriñarán a proxección das webseries nacidas ao abeiro do Festival Interplay: Toñito, ti es especial, Muerte al youtuber e Peter Brandon, gañadora da primeira edición do concurso de proxectos de webserie en galego. O xoves 22 de marzo, tamén ás 19 horas o público que se achegue ata a biblioteca poderá gozar coas webseries galegas premiadas nas catro primeiras edicións do Festival Interplay: Poetarras, FAME, Orfanato Atroz, Clases de lo social, Teño unha horta en San Sadurniño e Entre Pipas. O festival A quinta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2018, mantén aberta na súa web a inscrición para que todas aquelas persoas que o desexen presenten as súas webseries ou proxectos de webserie á súa sección oficial, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Poden facelo ata o 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com. As webseries participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais. Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webebserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor. Ademáis,o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios