Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Fin de semana de estreas no FIOT

Fin de semana de estreas no FIOT

Ademais de ser unha cita de referencia no mundo cultural galego, o Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo, o FIOT ten unha nova fin de semana cargada de eventos. Este venres 9 de outubro ábrense as funcións de sala, coa primeira obra internacional desta 24ª edición, pero tamén teremos Rúa dos Contos nos bares carballeses e máis no Mercado Municipal.

Pero antes de revisar as citas, hai unha novidade importante respecto a venda das entradas. O sábado 10 a partir das 9.00h poñeranse á venda a través da televenda de ataquilla.com como entradas soltas aqueles bonos que non se venderon. Isto permitirá que os interesados poidan mercar entradas para aquelas obras que xa tiñan todas as súas butacas completas.

"Estrea" no Pazo

Chirigóticas elixiu a capital de Bergantiños para estrear en Galicia Juanita Calamidad Chirigóticas elixiu a capital de Bergantiños para estrear en Galicia Juanita Calamidad

Así, este venres 9 (21.00 h) a súa programación de sala no Pazo da Cultura da man da compañía andaluza Chirigóticas, que elixiu a capital de Bergantiños para estrear en Galicia (e case en España xa que hai uns días representou a súa primeira función) a súa comedia musical “Juanita Calamidad (todo el mundo tiene un pasado)”, a obra coa que celebra o seu décimo aniversario sobre os escenarios.

Baixo a dirección de Antonio Álamo, un dos máis firmes valores do teatro en España e representado internacionalmente, o equipo consegue crear unha forma teatral a partir da tradición satírica do carnaval gaditano, con grandes doses de crítica social, mordacidade e espírito popular.

A primeira representación internacional

A Companhia do Chapitô é a primeira visita internacional da FIOT A Companhia do Chapitô é a primeira visita internacional da FIOT

A programación de sala tamén se estrea cun marcado acento internacional, da man dos portugueses Companhia do Chapitô, que veñen dende Lisboa para darlle unha nova vida ao mito de Edipo. O director John Mowat, coñecido por levar o seu estilo visual da comedia a máis de 40 países, reinventa sen complexos esta personaxe de Sófocles para contar o que se acaba convertendo nunha terrible historia pragada de desgrazas, confusións e infortunios. En “Édipo” podemos atopar a un heroe tráxico, complexo, cheo de cólera e fatalidade. Edipo busca a súa “versión orixinal” nunha representación na que é un ser desafortunado, torpe, asediado, vilipendiado, sucio, eivado e outra gran cantidade de “puns”, “aus!”, “trunges” e Fsssts”. O argumento aborda a cómica fuxida de Edipo do seu terrible destino, do que non poderá escapar aínda que o intente a gatas, de pé, con bastón ou arrastrándose. A imaxinación, xesticulidade e o humor que caracteriza á Companhia do Chapitô fai imprescindible esta función que se poderá ver no Pazo da Cultura este domingo 11 ás 21.00 h.

A segunda fin de semana da Rúa dos Contos

Rua dos Contos do finde do 10 de outubro no FIOT Carballo

Ademais da programación de sala, esta fin de semana a maxia do teatro volve inundar as rúas e bares coa Rúa dos Contos, o festival máis gamberro do FIOT. O venres 9, na cervexaría A Bombonera (23.00h, 4€), o famoso actor de televisión Federico Pérez –coñecido polo seu papel en series tan populares como “Padre Casares” da TVG- compartirá co público unha forma diferente de contar as cousas, aproveitando o ambiente distendido da noite carballesa.

Para aqueles aos que lles gusta zafarse, o actor Avelino González, un asiduo ao FIOT, fará un repaso de historias de xente que, mal ou ben, foron zafando. Será na cafetería Valle-Inclán ás 00.30h (entrada, 3€).

E para p sábado, sesión dobre no Mercado Municipal. A sesión dobre (dúas funcións por 5€ no Mercado Municipal, 2º andar) volve o sábado 10 da man dun cartaz de excepción. Ás 21.00h “Juancállate”, da compañía Pez en Raya, convértese en "Mr. Kebab” a través dun monólogo disparatado no que dá gato por lebre a base de gargallada limpa. Mr. Kebab aínda non gañou ningunha estrela Michelín, pero aínda así promete unha velada de humor e maxia absurda baixo a dirección do mestre de cerimonias da tolemia, Joan Estrader.

Ás 22.15 h, a Rúa dos Contos dá a benvida, por primeira vez, aos televisivos actores e tamén músicos Xabier Deive e Luís Iglesia, quen, baixo o nome artístico de Boneca Lareta, reflexionarán sobre a cuestión da existencia. Escrita e dirixida por Diego Rey, esta é unha comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida, no que o espectador poñerá en cuestión o “Pensa, logo existe”. Pero de verdade facemos unha cousa antes cá outra?"
Xa fóra do Mercado Municipal e na mesma noite do sábado ás 00.30h (entrada, 3€), na sala Dublín, o grupo do veciño municipio de Arteixo, Os Revenidos, fará adaptacións moi persoais de cancións moi coñecidas, logrando un estilo musical difícil de etiquetar.

Estrea mundial de Falar sen Cancelas

Falar sen Cancelas con Isabel Risco Pedro Brandariz e Fran Rey

Isabel Risco, Pedro Brandariz e o lugués Fran Rei estrean no FIOT a "comedia galega apocalíptica" Falar sen cancelas. Os populares cómicos coruñeses estrean este domingo, día 11 de outubro ás 22:30h, no FIOT de Carballo o seu novo espectáculo de "humor galego apocalíptico", Falar sen cancelas. Unha "comedia pesimista" producida por Culturactiva, dirixida por Diego Rey e protagonizada por tres cómicos excepcionais que amosarán o seu talento e a súa compenetración artística, labrada durante 15 anos de colaboración en diferentes espectáculos, intercalando sobre o escenario unha serie de monólogos, gags e xogos de improvisación que farán de cada representación unha aventura diferente e única. Unha noite de comedia trepidante na que a palabra e o humor son os grandes protagonistas.

Luns, o máis grande pecha a Rúa dos Contos

Quico Cadaval Unha lenda como Quico Cadaval pechará a Rúa dos Contos do FIOT 2015

Este ano o peche da XVII edición da Rúa dos Contos contará cun protagonista de excepción. O director teatral, dramaturgo e mestre da narración, Quico Cadaval, fará a estrea absoluta da súa última creación, “Almiñas”, o luns 12 en A Barra Bar (22.30h, entrada 4€). Esta obra consta de tres vellas historias de inocentes contadas dunha maneira totalmente nova. Cadaval pretende facer unha reflexión sobre a inocencia como unha das cinco maneiras de “non saber”. De feito, na fala popular aparece a palabra inocente como piadoso eufemismo para non dicir parvo.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios