Milladoiro, Xabier Díaz, Susana Seivane ou Amancio Prada sumérxennos nun mar de cultura no Verán Cultural de Carballo
08:55 03/07/18
Espectacular chega o Verán Cultural de Carballo. Comeza coa Praza dos Libros, abrindo as portas a un mar de cultura no que tamén se mergullarán Susana Seivane, Xabier Díaz ou Amancio Prada.
Un mar que entrará de cheo da Praza do Concello desde os primeiros compases do Verán Cultural, porque arrancamos o sábado 7 co Festifolk, no que teremos o privilexio de celebrar con Milladoiro os seus corenta anos sobre os escenarios e de coñecer en primicia, antes de que o presenten en Ortigueira, o seu disco número 26: Atlántico.
Así ata o 30 de agosto, cunha marea de actividades para todos os públicos, aberta, diversa e gratuíta, convertíndose, dende hai 20 anos, na mellor oferta cultural da bisbarra. Haberá cine ao aire libre tanto no casco urbano coma nas parroquias, cursos, exposicións, rutas, romarías e unha chea de festas...
“A mellor música de Galicia pasará este verán por Carballo”, asegurou Evencio Ferrero, que expresou o seu recoñecemento e agradecemento á Fundación Luis Calvo Sanz, porque “grazas ás súas achegas esta programación é posible”. O alcalde manifestou o seu desexo de que “a xente siga tendo a Carballo como unha referencia cultural e musica, e que na Praza do Concello esteamos nesa festa prolongada coma ágora onde convivimos todos e todos desfrutamos desa convivencia”.
O programa conta coa colaboración da Fundación Luis Calvo. O seu presidente manifestou a súa satisfacción por poder colaborar unha vez máis nun “programa moi atractivo, moi variado, e espero que teña moi boa acollida pola xente de Carballo e da comarca”.