Venres. 19.04.2024
El tiempo

Miro Villar recibe apoios de toda Galicia polo seu rexeitamento do Faro Nerio

Miro Villar recibe apoios de toda Galicia polo seu rexeitamento do Faro Nerio
A valente decisón de Miro Villar de non aceptar o Faro Nerio, recoñecemento co que a Asociación Neria premia a personalidades relacionadas coa Costa da Morte, está a traer cola. Se para uns a decisión é valente, para outros é unha decisión que confunde a política co patrimonio. Un que corrobora a postura de Miro é o escritor e investigador literario Xesús González Gómez. Este ourensán relacionado directamente coa Costa da Morte, entende a decisión de Miro e a comparte. E así corrobora o seu apoio ao poeta ceense:

Carta de Xesús González Gómez sobre Miro Villar

Hai uns días, nunha carta ao secretario da Asociación NERIA Costa da Morte, o poeta e investigador Miro Villar explicaba os motivos polos que renunciaba ao premio que esta Asociación lle concedía. A carta explicaba todo por si soa, mais, como sempre, aqueles que vén como se rexeita un premio que eles conceden, sen que o interfecto (é dicir, o premiado) se presentase para tal premio, no canto de manter a boquiña fechada, empezan por desbarrar. E, como sempre, tal é o caso. Para información, digamos que o presidente da Asociación Neria para o desenvolvemento comarcal é o alcalde de Cee, Ramón Vigo, detido, con outros concelleiros e empresarios, acusados polo xuíz de corrupción urbanística. Debido a ese acontecemento é polo que o poeta rexeita o premio e propón, como próximo galardoado, ao maxistrado que ordenou as detencións referidas. Ante tal carta, os responsábeis da Asocación Neira, cuxo presidente, mentres non se diga o contrario, é o señor Ramón Vigo, responderon a Miro Villar mexando «fóra do testo». O secretario da Asociación, a quen vai dirixida a epístola, afirmou que ao facer pública a súa carta, o poeta «manifesta a súa intencionalidade política e mala fe intentando enmerdar a Neria, cuxa traxectoria é impoluta». Ademais, evidentemente, de apelar, como apelan todos os políticos, á famosa presunción de inocencia dos implicados. Aquí mestúranse diversos problemas: a) Os premios aos que o galardoado non se presenta; b) As intencionalidades políticas; c) a presunción de inocencia. Dos primeiros temos falado xa outras veces e, persoalmente, sobre todo se non implican un estipendio enconómico, seméllanme inmorais; e se son concedidos por unha institución, pública ou privada, teñen sempre, aínda que os reponsábeis poidan negalo, unha intencionalidade política. Por tanto, o seu rexeitamento tamén ten unha intencionalidade política: porque todo é político, señor Secretario da Asociación Neria. Mais o Sr. Secretario continúa a dicir que Miro Villar intenta enmerdar a Neria, cuxa traxectoria é impoluta. Iso, supoño, non o negará nin o propio Miro Villar (o da «impolutez»), mais se ben Neria pode estar limpia de toda falta, non se pode esquecer que o seu presidente está imputado, e non se pode separar unha persoa das súas actuación: eses sofismas son demasiado vellos. Porque as actuacións que levaron á detención do alcalde de Cee tamén alcanzan, quérano ou non os membros da Asociación Neria, á tal asociación, xa que á parte de alcalde de Cee, de ter un oficio determinado, tamén é presidente da tal Asociación. Por tanto, o primeiro que deberon facer os membros de tal Asociación é pedir a dimisión do seu presidente (non sei se natural polo seu cargo ou por elección), sexa culpábel ou non: unha simple e limpa regra democrática que non se segue nunca. Pedírona? Se non a pediron, a traxectoria comeza a non ser tan impoluta. E, por último, a famosa presunción de inocencia. A presunción de inocencia foi un dos grandes logros da chamada revolución burguesa, por tanto, da democracia denominada así, burguesa. Mais tamén é certo que os cargos privados ou públicos elixidos por voto teñen unha responsabilidade, ou debían ter, que nunca cumpren. Un cargo público, para que se manteña a súa presunción de inocencia, o primeiro que debe facer, se é imputado, é dimitir: pura norma democrática… burguesa. O que acotece é que desde xa hai moito tempo en Europa, xa que logo, España, Galiza, etc., non vivimos nunha democracia burguesa, vivimos, como afirmaba a comezos dos 1970 un tal Cornelius Castoriadis baixo unha «oligarquía liberal», e os membros das oligarquías nunca dimiten, a non ser que os dimitan outros membros desa mesma oligarquía, ou que unha rebelión en bloque os faga dimitir, v.b., Revolución Francesa. O señor Secretario continúa a dicir máis cousas, como, por exemplo, que a Asociación Neria, cuxo un dos seus obxectivos principais é a promoción turística da Costa da Morte, «non se merece estar implicada en temas partidistas e políticos». O problema é o mesmo que o anterior: o seu presidente é un político e membro dun partido, por tanto, as súas actuacións, por neutras que sexan, queira ou non o señor Secretario, serán políticas, e, con sorte, pouco partidarias. Mais onde o Sr. Secretario acaba por mexar fóra do texto e acabando por inundar o baño, é cando «pregunta» se o poeta actuaría de igual maneira se este simpatizase coa ideoloxía do alcalde. E aquí o Sr. Secretario continúa a confundir velocidade e touciño. Ou ideoloxía e corrupción. E pódeselle, simplemente, aplicar o vello dito aquel: coida o ladrón que todos son da súa condición. Por que ao facerse esa pregunta, o señor secretario treizóase: el, como o alcalde é da súa ideoloxía (de aí que non lle pedira a dimisión?), non faría o que fixo Miro Villar, por tanto, se o alcalde fose da ideoloxía de Miro Villar, o poeta non actuaría como actuou. Por último o señor Secretario indígnase que alguén da categoría de Miro Villar se preste a «facer este xogo sucio». Xogo sucio? Entregou Miro Villar probas falsas ou falsificadas ao xuíz que mandou deter ao señor alcalde e os outros? Denunciou, con probas falsas, Miro Villar a alguén? Úla o xogo sucio? Recomendariamos ao señor secretario que medise as súas palabras e, no intervalo, fixese desaparecer eses galardóns que, ao cabo, só resultan (e non só as da súa Asociación, senón a maioría), como afirmaba hai xa moitos anos o defunto Xosé Ramón e Fernandez Oxea (Ben-Cho-Sei), a propósito doutros premios dunha institución privada galega ubicada en Madrid, unha reparto de medallas entre macacos.
  • Xesús González Gómez.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios