O Día do Libro, o teatro e a música protagonizan a #AxendaCostadaMorte
Esta será unha fin de semana marcada polo Día do Libro que se celebra mañá, 23 de abril, a nivel internacional para recordar a morte e o nacemento de escritores como Cervantes, Shakespeare, Inca Garcilaso de la Vega, entre outros. Esta conmemoración estará moi presente na maior parte das citas culturais que terán lugar esta fin de semana na Costa da Morte. En canto á temática das citas desta fin de semana de abril, cabe dicir que a música e o teatro serán os protagonistas.
Parte costeiro 4 gotas
No comezo da fin de semana seguiremos a falar da borrasca da que levamos falando moitos días. Iso si, xa por fin está a debilitarse. Leva facéndoo desde o mércores e o sábado pasará á historia. Tamén o fará o aire frío que ten asociado en capas medias e altas da atmosfera e que entre os dous están a deixarnos este tempo tan cambiante. Por momentos sae o sol e por momentos descarga un chaparrón.
O venres aínda teremos chuvias. Pola mañá concentradas no litoral entre Fisterra e Muros e a partir do mediodía en calquera punto da Costa. Chuvias intermitentes en forma de ballóns puntuais.
Estes ballóns pódense repetir de xeito máis espallado na madrugada e na mañá do sábado, desparecendo na tarde do sábado cando se abrirán bastantes claros en todo o litoral, poidendo repetirse un ballón aislado no interior da Costa no mediodía e/ou na tarde.
No final da tarde xa comezaremos a estar baixo influencia anticiclónica e rolará o vento ao norte.
O domingo xa soplará o nordés, intenso pola tarde especialmente entre Muxía e Malpica, onde deixará nubes ata mediodía, deixando o ceo azul no resto da Costa durante toda a xornada.
As temperaturas serán algo máis baixas ca estes días, especialmente o domingo no litoral norte por mor dese nordés. Iso si, entre Fisterra e Muros o domingo co solciño quedará un día moi agradable.
- A casa da Cultura de Cee acolle hoxe, ás 11 horas, unha función para os alumnos e alumnas de primeiro e segundo de primaria dos centros de ensino do municipio. "A Trastenda dos Contos: Cervantes & Shakespeare 400 anos despois" será o espectáculo do que desfrutarán os máis pequenos.
- Mañá arranca no auditorio de Zas a I Mostra de Teatro Afeccionado organizada polo concello. Faráo coa obra "César a gusto" intepretada polo grupo de teatro do centro cultural San Fins de Rebordáns, de Tui. A cita, dirixida a todos os públicos, comeza ás 21 horas.
- Muros pon en marcha mañá a X Mostra de teatro Xosé Agrelo. O telón abrirase o sábado ás 21:30 horas coa lectura de varios textos de Manuel María. A continuación, “O que faltaba Teatro” da A.VV. O Ferrolo de Trasdacosta representarán “Aqueles tempos”.
- Camariñas inicia hoxe tres días de festa na honra do seu patrón, san Xurxo. Gran Parada, Palladium, Jesurálén, La Fórmula, Miramar e Marbella son as orquestas que se encargarán de amenizar a troula xunto con gaiteiros, bandas de música e bombas de palenque.
- O público de A Ventana -Laxe - moveráse hoxe a rtimo de bossanova e fun da man de Santana & Cavalcanti. O concerto comeza ás 23:30 horas.
- O Quenxeiro, de Corcubión, acolle hoxe un concerto de Alan Acoustic Project - a partir das 23 horas - para ir facéndolle un oco ás festas do San Marcos a ritmo de rock.
- Mañá volve a música ao "Curruncho Pop" da biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Faráo da man de Nacho Casado que trae o seu último traballo "La familia del árbol". O concerto comeza ás 20:30 e os interesados en asistir deberán reservar praza en biblioteca@carballo.gal ou no teléfono 981 758 580.
- A praza de Carnota vibrará mañá sábado, a partir das 22 horas, cun festival rock da man de Animal Soul, Alan Acoustic Project e Os Desterrados. Esta é a data elixida despois de que o mal tempo obrigase a suspender os concertos programados dentro do Víndemo Ver 2016.
- A escola de música moderna de Santa Comba ofrece mañá, sábado ás 19 horas, un "Festival de Primavera" que terá lugar no auditorio do edificio Multiusos da vila.
- A Casa da Cultura de Corcubión recibe, para conmemorar o "Dia do Libro", a Magín Blanco, estesábado 23 de abril ás 12:00h, dentro do programa "Ler Conta Moito".
- A biblioteca municipal de Muxía inaugura hoxe, véspera do Día do Libro, a mostra "A historia da imprenta. 4000 anos antes de Cristo ata 1985". O acto de inauguración é ás 19:30 horas e será presentada o autor e organizador da mostra, Carlos Delgado Fernández, profesional no sector das artes gráficas dende 1958.
- A casa da Cultura de Vimianzo ponlle fin mañá ao "Abril Verdadeiro" coa proxección do filme "Fados" de Carlos Saura. A cita comeza ás 21 horas e a entrada é de balde.
- Exposición fotográfica Cee: Do 16 ao 29 de abril, a sala de exposicións da casa da Cultura de Cee acolle a exposición fotográfica “Unha ollada dende Muros ata Cee” a cargo de Rosa Gallardo.
- A asociación Mar de Fábula fai un chamamento aos voluntarios e voluntarias para sumarse á limpeza da ensenada do Coído de Touriñán. A cita comeza ás 11 horas do sábado.
- O domingo continúa a "Primavera en Ruta" de Senda Nova. Ao longo de 21 quilómetros, os participantes coñecerán a historia de Coristanco.