Mércores. 21.08.2019
El tiempo

O IES Monte Neme recibe un premio para levar a cabo un proxecto tecnolóxico sobre a igualdade

O IES Monte Neme recibe un premio para levar a cabo un proxecto tecnolóxico sobre a igualdade
fp-innova-ies-monte-neme Alumnado do IES Monte Neme participou a semana pasada no congreso FPInnovaGalicia O IES Monte Neme de Carballo vén de recibir un premio para levar a cabo o proxecto Ti2 =i, presentado á convocatoria para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional, publicada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Na convocatoria resultaron premiados 18 proxectos innovadores propostos por centros galegos nos que se imparten ensinanzas de formación profesional, cos que colaboran un total de 34 empresas e entidades. O título do proxecto fai referencia á integración da tecnoloxía e a innovación para tratar de lograr a igualdade das persoas. A través do contacto con diversas asociacións que están a traballar con persoas que presentan algún tipo de discapacidade, vense detectando desde o centro a existencia de certa demanda de adaptacións específicas ás que se podería dar resposta a través da formación profesional. O IES Monte Neme conta coa colaboración e participación de dúas entidades; a ONCE (Delegación territorial de Galicia) e a asociación ASPABER de Carballo. fpinnova2017 O IES Monte Neme levará a cabo o proxecto Ti 2 =i Algunhas das necesidades xorden de persoas con deficiencias visuais graves, persoas con parálise cerebral ou deficiencia motriz, perdas auditivas graves, etc., que demandan a práctica continuada de rutinas da vida diaria a través de paneis de adestramento ou paneis sensoriais. O propósito do proxecto é procurar a realización de aplicacións prácticas reais dirixidas a cubrir parte das necesidades detectadas, traballando co alumnado e o profesorado dos ciclos de FP Básica impartidos no centro, Electricidade e Electrónica e Fabricación e Montaxe, contando coa colaboración do alumando e profesorado dos ciclos medios de Mecanizado e Instalacións de Telecomunicacións, e do ciclo superior de Mantemento Electrónico. Congreso FPInnovaGalicia O potencial dos ciclos formativos puido comprobarse a semana pasada durante a celebración da segunda edición do congreso FPInnovaGalicia na Cidade da Cultura, no que se exhibiron 40 proxectos innovadores. O IES Monte Neme participou no congreso durante tres días, no que os alumnos do CS de Mantemento Electrónico e profesorado de Fabricación Mecánica e Electricidade e Electrónica demostraron as posibilidades da impresión 3D. Ademais o IES Monte Neme ofertou outro ano máis, a realización de prácticas en empresas do estranxeiro ao alumnado que cursa ciclos formativos de grao medio, grao superior e formación profesional básica dentro dos proxectos europeos Erasmus + “Next Station: Improving Professional Skills in Galicia” 2016-1- ES01-KA102- 024869 e “Praxeuropa”. Os proxectos, presentados pola Consellería de Cultura e Educación, permiten que alumnado e profesorado de FP de Galicia poidan facer prácticas en diferentes países da Unión Europea. Programa “Rutas científicas, artísticas y literarias” Por outra parte o IES Monte Neme foi seleccionado para participar no Programa “Rutas cietíficas, artísticas y literarias”, na convocatoria de 2017 do Ministerio de Educación. O alumnado de 1º da ESO realizará do 21 ao 27 de maio a ruta 7 da convocatoria (País Vasco – La Rioja). O obxectivo destas rutas é dar continuidade aos coñecementos recibidos polos alumnos na aula, mellorar e presentar de xeito máis atractivo a formación recibida polos alumnos, a través de contornas máis experimentais e visuais. Téntase favorecer así a súa formación artística, literaria, científica, cultural, histórica, medioambiental e social, e o seu desenvolvemento integral. No IES Monte Neme impártense ensinanzas de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de formación profesional das especialidades de fabricación mecánica, electricidade e electrónica e administración e xestión. Fonte  

Comentarios