O Polbo de Lonxa, local e sustentable, chama ás portas da hostalería madrileña


Nova aposta pola venda de produto costeiro a nivel estatal. O pasado sábado tivo lugar no Centro Galego de Madrid a presentación de Polbodelonxa diante de distintos restaurantes, pulpeirías e distribuidores da capital. E boa acollida tivo a iniciativa impulsada pola Agrupación de Interese Económico Finisterre Sur Pesca.
É a primeira vez que a marca Polbodelonxa sae o mercado con etiqueta propia nun acto de presentación que correu a cargo da xerente do Grupo de Acción Costeira Seo de Fisterra e Ria de Muros-Noia, Manuela Oviedo, representantes da empresa cooperativa Pulponor, distribuidores en exclusiva de polbo en conxelado Polbodelonxa e representantes da AIE Finisterre Sur Pesca.
A agrupación de interese económico Finisterre Sur Pesca constituese no ano 2014 e está integrada polas confrarías de Porto do Son, Muros, Lira, O Pindo, Corcubión e Fisterra e foi a impulsora do proxecto Lonxanarede, como unha plataforma de venda da pesca artesanal, e en concreto inicialmente, do polbo.
A posta en marcha de Lonxanarede foi en marzo do 2014 e inicialmente foi moi ben acollida entre o sector, acadando unha lixeira mellora das cotizacións en lonxa, pero no verán xurdiron problemas de dispoñibilidade de produto que se agarda se solucionen dando o importante paso de sair ao mercado o polbo conxelado coa marca Polbodelonxa.
Pesca local e sustentable
Entre os restauradores asistentes despertou gran interese a posibilidade de poder contar nos seus menús con polbo galego con marca propia mediante unha etiqueta que garanta a procedencia galega, e a súa trazabilidade. O feito de que o polbo proceda da pesca artesanal responsablesostible é un argumento de peso máis para apostar por Polbodelonxa, así como que o productoque se ofrece é 100% natural.
Asimesmo tamén chamou a atención o feito de que detrás do proxecto estea o propio sector pesqueiro, implicado e comprometido en posicionar no mercado o polbo procedente do territorio entre Fisterra e Porto do Son, cunha imaxe diferenciada ao existente actualmente no mercado e procedentes de distintos caladeiros doutros países ou zonas.
Novas relacionadas
- 27-12-13: A presentación de Lonja na Rede marca o camiño a seguir polas lonxas galegas.
- 09-12-13: O polbo da Costa da Morte estrea marca propia dende a rede.
- Experiencias de venda online de marisco da Costa da Morte.
- Pódese vender marisco pola rede?.
- Este Nadal, sabes o que comes?.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).