O programa Visións da Rede Cultural achega o cinema galego á Costa da Morte
08:07 16/06/17
programa-visions-deputacion
O filme de animación "Maimiño e o espello máxico" é o máis solicitado polos concellos dentro do novo programa Visións da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Máis de cen proxeccións distribuirán o cinema galego polos concellos.
Das 189 películas solicitadas polos concellos, un total de 104 son de produción propia galega, superando a metade das solicitudes que marcaban as bases da convocatoria. "Maimiño e o espello máxico", a produción de animación galego-cubana dirixida por Ernesto Padrón e que contou coa música de Silvia Rodríguez, Uxía e Xoán Curiel alcanzará nos próximos meses máis de vinte proxeccións en distintos concellos, tres anos despois da súa estrea.
A seguir, "A praia dos afogados" de Gerardo Herrero, adaptación da novela de Domingo Villar, que chegou en 2015 a vinte salas comerciais galegas verase en dezaseis concellos grazas ao novo programa da Deputación da Coruña. O apóstolo con 8 proxeccións, A Esmorga con 5, ou Contando a Carlos Casares con 7 son algúns dos filmes que integran a listaxe de solicitudes dos concellos que formarán parte das súas programacións culturais.
Ademais das solicitudes da produción galego-cubana, a animación infantil na nosa lingua continúa a ser demandada segundo as propostas da Rede Cultural e así películas como "O bosque animado" chegarán a Cambre, Sada, San Sadurniño ou Vimianzo mentres "O soño dunha noite de San Xoán" irá a Carnota, Vimianzo e Fisterra e veremos "A tropa de trapo" por San Sadurniño, Vimianzo ou Carnota.
A listaxe inclúe tamén títulos premiados do Novo Cine Galego como "Mimosas" de Oliver Laxe ou "Costa da Morte" de Lois Patiño e documentais como "Frankestein 04155" de Aitor Rei ou "Esquece Monelos" de Ángeles Huerta.
Novas relacionadas
- A Rede Cultural ponse en marcha tras a sinatura dos convenios
- A Rede Cultural trae 228 espectáculos á Costa da Morte
- Arrinca unha nova tempada da Rede Cultural da Deputación menos burocrática
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña