O #SanXoán carballés colle forma para 2016
10:19 03/11/15
Traspaso de poderes na Comisión de San Xoán de Carballo
O San Xoán carballés non para pois, aínda que quedan moitos meses, xa se está preparando a edición 2016. O primeiro paso é o relevo na organización do lado político, pois no social, a activa Asociación Cultural San Xoán mantén como presidenta a María José Souto Cristóbal. No lado político a nova concelleira de Festas, Mar Eirís recolle o relevo de Belén Lendoiro.
E xa anunciou que convocará para este mes a primeira reunión para preparar as próximas celebracións patronais. O primeiro paso, convidar a entidades e veciñ@s a integrarse na comisión do San Xoán 2016.
Souto destacou a importancia de contar cun equipo amplo e variado para que o programa responda ás expectativas dos diferentes públicos. As persoas interesadas só teñen que chamar ao Pazo da Cultura (981 704 300) e deixar os seus datos para poder ser convocadas para a primeira reunión, que se celebrará este mes e na que participarán as concelleiras saínte e entrante.
Éxito no 2015
E de paso, Belén Lendoiro e María José Souto destacaron o éxito das celebracións do 2015, tanto en participación de público coma na calidade e a acollida do programa, e apuntaron que a posibilidade de incrementar o orzamento grazas á colaboración de varios departamentos do Concello de Carballo permitiu ofrecer dous grandes concertos coma os de Auryn e Brothers in Band, pero tamén ampliar o cartel do Rockin’, deseñar un fantástico programa de orquestras e complementar as verbenas, os concursos tradicionais, a multitudinaria Festa do Bosque e o amplísimo abano de atraccións, entre outras actividades, con propostas novidosas e tan exitosas coma a batukada. Tamén destacaron a presenza da noria, que se converteu noutro dos atractivos das festas e mesmo foi protagonista do concurso convocado por primeira vez en Instagram. A foto gañadora, da autoría de Almu Rey, será publicada na revista do San Xoán 2016. A fotografía gañadora pasará a formar parte do fondo documental das festas de San Xoán.Vídeo resumo e pregón de Luis Fraga
Para comprobalo, déixannos un par de vídeos como este, o promocional do San Xoán gravado este ano, e que será difundido a través do resto das redes sociais e das páxinas de Internet do Concello de Carballo, Turismo Carballo e a propia Asociación Cultural San Xoán: E por primeira vez tamén se difunde o vídeo do pregón, de maneira que Luis Fraga será o primeiro dos numerosos pregoeiros que pasaron por Carballo do que poderemos volver a escoitar a súa intervención íntegra:Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).