Martes. 23.04.2024
El tiempo

Que facermos para lles transmitirmos o galego ás xeracións máis novas?

Que facermos para lles transmitirmos o galego ás xeracións máis novas?
Curso de Veran Normalizacion Carballo

Esta é a gran pregunta que se intentará responder no curso que a Universidade da Coruña e a CTNL organizan no mes de xullo en Carballo, e para o que o reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, asinaron o pasado venres un convenio de colaboración. Ademais, intentarase responder dun xeito fundamentalmente práctico, coa análise, avaliación e proposta de medidas de intervención. E é que o futuro da lingua está, como é lóxico, nas vindeiras xeracións…

Freixeiro-Armesto-Evencio_sinatura_convenio_UDC-Carballo_29-5-14

Falarase tamén de cales son os factores determinantes para a transmisión interxeracional dunha lingua; canto, cando e como se dá a ruptura da transmisión do galego; ás nosas fillas e fillos transmitímoslles o galego, mais...; exposición e valoración de diversas experiencias no ensino infantil; experiencia e valoración de intervencións desenvolvidas desde a administración; presentacións de propostas de obradoiros de cantos de berce, de xogos de dedos, de coñecemento de recursos para escolas infantís, etc.; presentación de propostas de intervención desde as administracións ou outras entidades; camiños para a transmisión do galego, etc.

Estes son algúns dos temas que se traballarán neste curso de referencia anual que a Universidade da Coruña, en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), a Xunta e o Concello de Carballo, organiza do 9 ao 11 de xullo no edificio Fórum Carballo da capital bergantiñá.

Unha acción formativa que ten como obxectivos principais coñecer e analizar condicionantes que dificultan ou rompen a transmisión interxeracional da lingua galega; avaliar experiencias de intervención desenvolvidas e propor medidas de intervención que melloren a transmisión da lingua ás xeracións máis novas.

Máis información e inscricións

O prazo de matrícula xa está aberto e pode facerse a través do web da Universidade da Coruña.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios