Queremos Galego invita a manifestarse o día 27 contra o "Decretazo do galego"


A plataforma Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte celebrou esta fin de semana unha rolda de prensa no Pazo da Cultura para anunciar a convocatoria de manifestación para o domingo 27 de xaneiro con saída ás 12:00 da Alameda de Santiago de Compostela. A plataforma Queremos Galego, que aglutina a máis de 700 entidades e que está coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, convoca esta manifestación para exixir a derrogación do chamado Decreto do Plurilingüismo mais coñecido como "Decretazo contra o galego".
Na rolda de prensa interviron importantes xentes da cultura costeira, como Xosé Cotelo (coordinador da plataforma na zona), Artur Trillo (actor, dramaturgo e portavoz da plataforma na zona) e Paco Souto, poeta, escritor e secretario da A.C.Caldeirón de Malpica. Todos coincidiron en que hai só un camiño: "a derrogación do Decretazo".
Varias sentenzas en contra
A entidaed recorda que xa hai unha sentenza do TSXG que "ilegaliza os artigos máis agresivos contra o galego do decretazo galegófobo da Xunta", e o valora como "un éxito do pobo galego, que protagonizou mobilizacións históricas en favor da nosa lingua".
Así, o TSXG decretou ilegal o artigo 5.2 do decreto, relativo á consulta en educación infantil afirmando con contundencia que a administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección da lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”. Un decreto que xa fixo o seu dano e aseguran que "un 96% dos centros de educación infantil das cidades declaran que non utilizan o galego mercé a este artigo".
Ademais, o TSXG "tamén declarou ilegal o artigo 12.3 relativo ao uso do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo". Noutros aspectos do articulado o Tribunal considera que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable”.
Manifestación do 27 de xaneiro

A entidade convida ao conxunto da sociedade galega a que asine o manifesto e a que, independentemente da lingua que fale, participe na manifestación do 27 de xaneiro que "será un novo acto de dignidade e orgullo defendendo a cultura e a lingua que nos une como galegas e como galegos".
Desde a zona de Bergantiños e da Costa da Morte haberá dúas liñas de transporte para acudir á manifestación:
- Un autobús sairá da explanada do Instituto da Laracha ás 10:00h. facendo parada no Pazo da Cultura de Carballo ás 10:15h. O nº de tlf. para anotarse é o 653 618 955.
- Outro autobús sairá da estación de Cee ás 10:00h. O nº de tlf. para anotarse é o 981 745 266.
En ambos casos cobrarase un prezo simbólico de 2€ por persoa para contribuír aos gastos orixinados e a data límite para anotarse é o xoves, día 24.
Aquí vos deixamos co manifesto:
Manifesto "Queremos galego na escola! Derrogación XA do decretazo!"
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza determinou en varias sentenzas que os principais piares sobre os que se asenta o mal chamado “decreto do plurilingüismo” son ilegais. Ademais, indicoulle tamén ao Goberno galego que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado pola Lei de normalización lingüística.
O Tribunal dálle así a razón aos miles de persoas que saíron á rúa nas históricas manifestacións convocadas en defensa da nosa lingua. Ao mesmo tempo, o discurso do PP sobre as linguas no ensino, que xa estaba deslexitimado pola súa falta de apoio nas comunidades educativas, por ser un discurso crispante, por ser antipedagóxico ou por vulnerar tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, está agora, ademais, claramente considerado pola xustiza como fóra da legalidade.
Este decretazo contra o galego debe ser derrogado de forma inmediata e o Goberno galego debe promulgar unha nova norma que se basee no acordado por unanimidade parlamentar no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que:
- Garanta a educación en galego na educación infantil para todas as nenas e todos os nenos galegofalantes e poña especial atendemento didáctico na incorporación a este idioma por parte do alumnado residente en contextos familiares e ambientais castelanófonos, fixando, como mínimo, o 50% do horario semanal en galego nesta etapa educativa para os contextos e contornos en que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.
- Garanta que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego en primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos, que o galego non estea prohibido en ningunha materia e que todas e todos os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes destrezas comunicativas en galego.
- Desenvolva un plan de formación para que todo o persoal dos centros educaticos de Galiza teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego.
Novas relacionadas
- Un estudiante xaponés a un galego: “Perdoe, pode falarme en galego?”.
- Queremos galego chama á mobilización contra os ataques á lingua.
- Carlos Callón: Fai teu o galego!.
Fonte
- Nopta de presa da man de Xosé Mª Cotelo Freire, Coordinador da Plataforma Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte.