Radio campUSCulturae, iniciativa do bergantiñán José Antonio España, cumpre dous anos
Como nos gustan estas iniciativas radiofónicas libres, a nós que tanto apoiamos as radios irmandadas da Costa da Morte Radio Roncudo e radIONeria. Por Compostela temos outra fermosa iniciativa que nacía hai dous anos da man do xornalista carballés José Antonio España. Falamos de Radio campUSCulturae, que sobrevive á travesía polo mar da información e que coincidindo coa véspera do día mundial da radio, este venres 12 de febreiro, celebrou o seu II aniversario cunha Gala radiofónica – que xa vai pola 3ª edición - na que participaron alumnos non universitarios de varios centros educativos de toda a xeografía galega.
A gala converteuse nunha festa na que non quedou ninguén sen bailarA radio online da Universidade de Santiago de Compostela Radio campUSCulturae, naceu fai dous anos grazas ao empeño do xornalista carballés José Antonio España, que tras colaborar na radio universitaria da Facultade francesa de Aviñon durante a súa estancia Erasmus no ano 2013, fixo realidade o seu proxecto fin de carreira, en colaboración co proxecto campUSCulturae da USC, o cal conta coa financiación da Axencia de Cultura da UE.
O compromiso persoal e o desexo de que Radio campUSCulturae perdure no tempo, máis aló do proxecto que amparou o seu nacemento, levou a José Antonio España – xunto co seu equipo de colaboradores – a crear a Asociación Universitaria Cultural Radio campUSCulturae que actualmente preside e dende a cal convidan a participar na radio a todas as persoas que o desexen. Esta ferramenta de comunicación plurilingüe, intercultural e interxeracional, está creada para dar voz á comunidade universitaria e tamén a participantes externos que teñan unha idea radiofónica e a queiran poñer en marcha.
Máis información
Para obter máis información sobre a Radio campUSCulturae poden visitar a páxina www.campusculturae.com/radiotv e o sitio web da Asociación www.radiocampusculturae.org, onde tamén están dispoñibles os podcasts de toda a súa programación.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).